A perseveranza das asociacións veciñais do Sagrado Corazón e o impulso do Grupo Municipal do Partido Popular (GMPP) acadaron unha vitoria histórica: o novo centro de saúde ubicarase finalmente na parcela do antigo colexio de ABANCA. Despois de meses de incerteza e de rexeitar unha ubicación alternativa que non convencía a ninguén, o goberno local rectificou a súa postura inicial.
Foi o 7 de outubro cando se descartou a parcela de ABANCA para propor unha en Serra de Meira, xerando un profundo malestar entre os residentes. A loita do barrio, apoiada polo GMPP, materializouse nunha iniciativa levada a pleno en decembro de 2024, que demostrou o firme compromiso da veciñanza con esta dotación esencial. A boa nova chegou hoxe coa confirmación do alcalde, que valida a demanda cidadá e aposta pola ubicación máis axeitada.
Agora, a prioridade é a axilidade. A parcela de ABANCA non é propiedade do Concello, o que implica que a permuta coa entidade bancaria debe ser xestionada con urxencia. O Sagrado Corazón leva anos agardando por este centro de saúde, e a Xunta de Galicia ten unha partida orzamentaria dispoñible para o proxecto dende o ano 2021. É o momento de actuar con celeridade para que esta ansiada dotación sexa unha realidade canto antes.