O Pazo de San Marcos foi onte xoves o escenario da xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, un encontro impulsado pola Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve dentro do programa Lugo con Memoria. A apertura do evento correspondeu á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen reivindicou a necesidade de saldar unha débeda histórica coas mulleres represaliadas polo franquismo.
Durante a súa intervención ante decenas de asistentes, García Porto subliñou que a recuperación da memoria democrática debe ir acompañada de accións xustas e reparadoras. “Recuperar a memoria non consiste unicamente en lembrar os feitos, senón tamén en escoitar as vítimas, investigar o sucedido e darlles o recoñecemento e a reparación que merecen”, afirmou. A deputada destacou a responsabilidade das administracións públicas na transmisión ás novas xeracións dun relato inclusivo no que “todas as vítimas teñan o seu lugar”, ao tempo que agradeceu a colaboración da Fundación Luis Tilve.
Lugo, territorio clave na rede de control do Patronato
O encontro contou coa participación da xornalista e escritora Montse Fajardo, autora de Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia, quen contextualizou o funcionamento desta institución activa entre 1941 e 1985. Fajardo explicou como a suposta «protección» encubría un sistema de control e castigo contra aquelas mozas que se afastaban do modelo de nai e esposa católica imposto pola ditadura —desde chegar tarde á casa ou sacar malas notas ata sufrir embarazos tras agresións sexuais—.
A investigadora lembrou o papel destacado de Lugo nesta estrutura, albergando o centro Nuestra Señora de los Ojos Grandes —xestionado polas Madres del Buen Pastor desde 1953— e chegando a contar con dez xuntas locais encargadas de elaborar informes de moralidad con graves consecuencias para as internas.
Pola súa banda, a investigadora Tamara López Fernández (USC) analizou os mecanismos legais e penais que reforzaron a dependencia feminina e a impunidad dos abusos, sinalando que “a culpabilidade recaía sobre as propias mulleres, mentres moitas vítimas quedaban condenadas ao silencio e ao anonimato”.
Finalmente, a avogada e investigadora Silvia Fernández Quinteiro puxo o acento na urxencia da reparación xurídica e social. Fernández Quinteiro, cuxo labor permitiu que a exalcaldesa do Porriño Eva García de la Torre fose recoñecida oficialmente en 2025 como vítima deste organismo, defendeu a vixencia de seguir investigando e asesorando ás afectadas para rescatar do esquecemento unha realidade silenciada durante décadas.