José Tomé: “A Casa do Pobo abre unha nova etapa para o futuro do Vicedo”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, inaugurou hoxe a nova Casa do Pobo de O Vicedo, «un novo espazo que será un lugar de encontro para toda a veciñanza e que contribuirá a construír alternativas sólidas e comprometidas coa realidade local», sinalou.

O líder provincial incidiu en que a apertura desta sede responde «á vocación socialista de impulsar espazos de encontro para construír proxectos apegados á cidadanía, unha tradición que se remonta a 1908, cando Pablo Iglesias inaugurou a primeira Casa do Pobo en Madrid». Foi unha inauguración especialmente emotiva, con numerosos recordos e guiños aos inicios da agrupación local, fundada no ano 1983, e ás persoas que contribuíron a levantar o proxecto socialista no municipio.

Acompañaron a Tomé Roca neste acto o Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a Secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; así como o Senador por Lugo, César Mogo; a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López; e o Secretario Xeral de XSG, Xurxo Doval.

Tomé Roca destacou que «a partir de hoxe ponse a disposición de todos os colectivos do Concello este novo espazo para escoitar as demandas da cidadanía e tamén para transmitir os logros e avances polos que traballa o Partido Socialista». O líder provincial sinalou que «esta sede nace para darlle un novo impulso a O Vicedo» e subliñou que «a agrupación local está medrando, con máis forza, máis proximidade e máis capacidade de construír futuro».

«A candidata ou candidato para as municipais de 2027 terédelo que escoller vós, desde a base», afirmou, dirixíndose á militancia, á que animou a «seguir traballando con ilusión». Garantiu que «contaredes co apoio da Deputación Provincial de Lugo, que está a investir nesta comarca e aposta pola súa recuperación tras 46 anos de goberno do PP». E concluíu: «Estamos no bo camiño».

José Ramón Gómez Besteiro puxo en valor a iniciativa da agrupación local e do partido na provincia, subliñando que «abrir unha Casa do Pobo é sempre un acto de compromiso co territorio, pero tamén un acto de ilusión e esperanza». O líder do socialismo galego destacou que «este partido está máis vivo ca nunca, con moita canteira, moitas gañas e unha gran capacidade para unir á xente pensando no ben común».

Besteiro animou á militancia a «seguir traballando con forza e ilusión. Dentro de dous anos revalidaremos a Deputación de Lugo, recuperaremos alcaldías clave como a de Viveiro e gobernaremos no Vicedo». Subliñou que «o obxectivo é cambiar a vida da xente» e lembrou que «xa o estamos facendo co incremento do salario mínimo, o reforzo do sistema público de pensións ou as políticas en vivenda, dependencia e sanidade». «Isto é o que nos move: facer política útil, centrada nas persoas e nos seus problemas reais», afirmou.

Tamén valorou «a excelente ubicación da nova sede», e animou a que «se converta nun espazo de encontro, de escoita activa e de activación política, onde se propoñan ideas e se constrúa, entre todas e todos, unha alternativa de futuro para O Vicedo».

Durante o acto interviñeron o Secretario Xeral da agrupación local, Juan Carlos González; o Secretario de Organización, José Ramón García; a Concelleira Lucía Prieto; e o fundador da agrupación, Luis Lozano, que lembrou os inicios do PSdeG en O Vicedo no ano 1983.

Desde a agrupación socialista sinalan que «a veciñanza é o que nos move a traballar día a día, por iso queremos que este espazo sexa tamén a vosa casa, un lugar onde contar, propoñer e sumar».

Pola súa banda, a Concelleira Lucía Prieto, engadiu que «este novo espazo nace co obxectivo de ser un punto de encontro aberto á cidadanía, un lugar onde escoitar, compartir ideas e construír entre todas e todos un Vicedo mellor. A Casa do Pobo representa o compromiso coa participación, coa proximidade e coa política feita desde abaixo, desde a xente».

Á cita acudiron tamén a voceira socialista no municipio, Verónica Canoura; os Alcaldes de Trabada, Rubén García; de Ourol, José Luis Pajón; e de Vilalba, Marta Rouco; así como concelleiros socialistas da Mariña; representantes institucionais e orgánicos doutras agrupacións da comarca e da provincia; xunto con militantes, simpatizantes e veciñas e veciños da contorna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios