O BNG defenderá no Senado unha moción para garantir o futuro do regadío e da comunidade de regadores do Val de Lemos

Carme da Silva buscará o apoio de todos os grupos para activar 5.000 hectáreas de terras produtivas actualmente abandonadas pola inacción institucional.

O Bloque Nacionalista Galego defenderá o vindeiro mércores na Comisión de Agricultura, Gandaría e Alimentación do Senado unha moción para garantir a continuidade e recuperación do sistema de regadío do Val de Lemos. A iniciativa será defendida pola senadora do BNG, Carme da Silva, quen reclamará un compromiso firme por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para asegurar a viabilidade dunha infraestrutura chave para o sector agrario da comarca.

A moción, que será debatida o vindeiro mércores, 5 de xuño, insta a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a adoptar unha serie de medidas urxentes e estruturais, entre as que se inclúe a condonación da débeda á comunidade de regantes, a reparación inmediata das infraestruturas, e a limpeza dos canais e zonas de dominio público.

“Non podemos permitir que unha infraestrutura estratéxica como o regadío do Val de Lemos desapareza pola pasividade institucional. Estamos a falar dunha zona con gran potencial produtivo que precisa apoio e inversión, non abandono e obstáculos” sinala Carme da Silva.

A senadora nacionalista tamén subliña a importancia de recuperar a totalidade das hectáreas produtivas, mediante axudas para a limpeza, deforestación e recuperación de terras agrarias. “É fundamental que se poida cultivar a totalidade das terras dispoñíbeis. Iso require vontade política e accións concretas, non máis escusas” engade.

Solucións para a comunidade de regadores

A parte resolutiva da moción insta a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, en colaboración coa Xunta de Galiza, a ofrecer unha solución que garanta a continuidade da comunidade de regadores, incluíndo a condonación da débeda. Do mesmo xeito, urxe a reparar de forma inmediata as infraestruturas de regadío e a supervisar e limpar os canais das zonas próximas e do curso do río.

“É preciso adoptar todas as medidas que permitan poñer en produción todas as hectáreas agrarias dispoñíbeis, incluíndo axudas específicas” defende a senadora nacionalista.

“A situación que vive o Val de Lemos é consecuencia directa da falta de vontade política para defender o rural galego. Esta moción é unha chamada de atención e tamén unha proposta concreta para reverter esta situación” conclúe Carme da Silva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios