O BNG rexeita a OPA do BBVA ao Sabadell e esixe ao Goberno do Estado paralizar a fusión

Néstor Rego alerta de que a operación suporá unha nova destrución de emprego no sector, unha maior concentración bancaria e agravará a exclusión financeira e dixital.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita OPA lanzada polo BBVA para adquirir o Banco Sabadell, e exixe ao Goberno español que desautorice esta operación por implicar unha maior concentración bancaria, destruír emprego e precarizar aínda máis os servizos financeiros, especialmente na Galiza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advirte que a fusión “implicará unha nova destrución de emprego no sector financeiro e da banca que, aínda moi recentemente, acaba de soportar unha dura reconversión”. Neste sentido, Rego lembra que o sector bancario, lonxe de mellorar a súa relación coa cidadanía, mantén prácticas abusivas, como a suba dos tipos de interese que non se traduce en melloras para o aforro nin para o financiamento de empresas e familias.

“O sector bancario español presenta xa características de oligopolio, e esta operación só viría profundar na súa concentración, facilitando ademais a destrución de postos de traballo e a eliminación de oficinas, especialmente no ámbito rural” afirma o deputado nacionalista.

O BNG denuncia tamén que a fusión responde unicamente aos intereses dos grandes fondos de investimento internacionais, como BlackRock ou Vanguard, que xa controlan participacións maioritarias en ambas entidades. “Estes fondos só procuran a maximización de beneficio sen atender as necesidades do tecido social, produtivo e laboral” engade Rego.

Impacto na Galiza

A formación nacionalista subliña o grave impacto que esta operación tería en Galiza, onde a concentración bancaria xa é das máis altas do Estado. De aprobarse a OPA, 90% do mercado ficaría en mans de apenas cinco entidades, o que previsibelmente levaría a un novo fechamento masivo de oficinas, especialmente en zonas rurais e en comarcas que xa padecen unha exclusión financeira crecente.

“Non podemos permitir que esta fusión contribúa a aumentar a fenda dixital e o illamento financeiro das persoas maiores e da poboación rural, que dependen da atención presencial” sinala Rego.

Iniciativas parlamentarias do BNG para evitar a fusión

O BNG vén de rexistrar unha batería de preguntas nas Cortes do Estado para coñecer a posición do Goberno sobre esta operación e se ten previsto impedir a súa materialización. Entre outras cuestións, o Bloque pregunta polo número de alegacións recibidas na consulta pública aberta polo Ministerio de Economía, polas medidas para protexer o emprego e os servizos bancarios, e pola posibilidade de facilitar saídas pactadas como prexubilacións no canto de EREs.

“O Goberno debe actuar con responsabilidade e vetar esta OPA, que só beneficia aos grandes capitais e supón un retroceso en termos laborais, sociais e de acceso aos servizos bancarios básicos” sentenza o deputado do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios