Néstor Rego require coñecer toda a información do proxecto: planificación, cronograma, previsión da ubicación definitiva do centro, quen xestionará o museo.
O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para coñecer a vontade do Goberno de cumprir os compromisos adquiridos sobre a musealización dos restos do castro de Cociñadoiro, destruídos polas obras de Punta Langosteira, situado no termo municipal de Arteixo. A organización nacionalista sinala que a construción do porto exterior non pode implicar a desaparición dun ben cultural irrepetíbel como era o castro do Cociñadoiro.
Néstor Rego, deputado do BNG, achegouse até o Mirador Montiñaco acompañado pola deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Iria Taibo, xunto ao concelleiro da organización nacionalista no Concello de Arteixo, Raúl Fernández, e outros membros do BNG.
Rego lembra que o Goberno do Estado comprometeuse hai vinte anos a crear un centro de interpretación que recollese a información e os achados arqueolóxicos resultantes das escavacións realizadas antes da destrución do asentamento. Porén, «tras dúas décadas de promesas incumpridas e anuncios que nunca se concretaron, aínda non se puxo en marcha ningunha medida efectiva para a recuperación e posta en valor deste patrimonio único» denuncia o deputado nacionalista.
“O castro do Cociñadoiro é un dos máis antigos do noroeste peninsular, cun urbanismo e elementos construtivos singulares, ademais dun importante papel na produción e intercambio de metais. A súa musealización permitiría recuperar a memoria histórica e dinamizar social e economicamente as parroquias da zona” afirma Rego.
A través das preguntas dirixidas ao executivo para a súa resposta por escrito, o BNG quere coñecer cal é a situación actual do proxecto de musealización, se existe un cronograma de execución, cal será a ubicación definitiva do centro de interpretación e quen será o ente responsable da súa xestión. Ademais, Rego pregunta tamén pola incorporación dos restos tardo romanos aparecidos nas proximidades do castro de Rañobre e pola posibilidade de que os materiais arqueolóxicos depositados pola Autoridade Portuaria sexan transferidos á Xunta de Galiza, como corresponde ao tratarse de patrimonio cultural galego.
O deputado do BNG denuncia tamén que, malia que en 2011 se adxudicou a redacción do proxecto construtivo da musealización cun orzamento de 2,1 millóns de euros e se anunciara a súa apertura para 2012, “todo quedou paralizado, sen explicacións claras nin avances significativos, e mesmo recentemente se volveu a adiar indefinidamente alegando que non é unha prioridade”.
“É inaceptábel que o Goberno do Estado destrúa un xacemento desta relevancia e logo non cumpra coas mínimas medidas de reparación e valorización do patrimonio afectado. O pobo galego ten dereito a conservar e coñecer a súa historia” subliña Rego.
Finalmente, o BNG insiste en que a construción do porto exterior non pode supor a desaparición sen máis dun ben cultural irrepetíbel como era o castro do Cociñadoiro. A creación do centro de interpretación sería, segundo o deputado nacionalista, «un paso necesario para facer xustiza patrimonial e histórica coa comarca de Arteixo e coa memoria colectiva do noso país».