Néstor Rego reclama que os trens de Media Distancia e AVANT na Galiza teñan o mesmo tratamento que as cercanías, ante a ausencia deste servizo no País.
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado unha batería de iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado que prorrogue os bonos gratuítos do transporte ferroviario máis alá do 30 de xuño e que os trens de media distancia que conectan cidades galegas como A Coruña, Vigo ou Ourense teñan un tratamento equiparábel aos servizos de cercanías, inexistentes a día de hoxe na Galiza e comprometidos polo Goberno após o conseguido polo BNG no Acordo de Investidura.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta da incerteza que afrontan milleiros de galegas e galegos que dependen do tren para os seus desprazamentos cotiáns, logo de que o Ministerio de Transportes anunciase que non renovará os bonos gratuítos vixentes desde hai varios anos.
“A implantación destes bonos gratuítos evidenciou que a xente está disposta a empregar o transporte público se se ofrecen alternativas accesíbeis. Abandonar agora esta medida sería un erro estratéxico e social” sinala Rego.
Segundo os datos dispoñíbeis, desde a súa aplicación, o uso do tren na Galiza incrementouse de maneira notable, favorecendo a mobilidade diaria, reducindo o tráfico rodado e contribuíndo á loita contra o cambio climático.
“Non se pode desmantelar unha medida que funciona. O Goberno debe prorrogar os bonos gratuítos até finais de 2025 e aproveitar ese tempo para deseñar unha nova política tarifaria que manteña prezos accesíbeis e gratuidades para colectivos prioritarios” insiste o deputado nacionalista.
Trato de cercanías para os trens de Media Distancia na Galiza
O BNG tamén exixe que os servizos ferroviarios de media distancia na Galiza —como os que conectan A Coruña con Vigo ou con Ourense— teñan o mesmo tratamento que os servizos de proximidade ferroviaria que existen noutras Comunidades Autónomas.“A Galiza leva décadas sen rede de cercanías, algo que si teñen outras zonas do Estado. Os trens de media distancia que cobren estas funcións deben ser tratados como tales tamén no plano operativo e das tarifas” afirma Rego. “É unha cuestión de equidade territorial e de dereito á mobilidade”.
Mantemento da gratuidade e mellora dos servizos
O BNG, lembra o deputado do BNG, sempre defendeu unha fórmula mixta que combinase a continuidade do bono gratuíto para colectivos específicos —estudantado, persoas vulnerábeis, persoas idosas e usuarias recorrentes— cun novo sistema de abonos a prezos competitivos para o conxunto da cidadanía.
“Cómpre garantir que ninguén quede fóra do sistema ferroviario por motivos económicos. Ao mesmo tempo, cómpre consolidar un modelo que permita retirar vehículos das estradas e avanzar na descarbonización” indica o deputado do BNG.
Rego tamén demanda o reforzo urxente das frecuencias dos trens do Eixo Atlántico e doutras liñas de media distancia, con especial atención aos servizos nas primeiras horas da mañá (trens madrugadores) e nas faixas de máis demanda da tarde.
“O servizo debe adaptarse aos horarios laborais e académicos da poboación. Non abonda con manter prezos razoábeis, hai que garantir trens suficientes, frecuencias axeitadas e prazas dispoñíbeis” reclama.
O Goberno debe cumprir cos compromisos asumidos co BNG
O deputado nacionalista tamén reclama coñecer o estado actual do Estudo para a implantación dos servizos de cercanías na Galiza, un compromiso adquirido polo Goberno no marco do Acordo de Investidura asinado co BNG.
“A creación dunha rede de cercanías galega foi unha promesa do Executivo. Mais non temos constancia de avances reais. É hora de pasar dos anuncios aos feitos” conclúe Rego.