O Movemento Democracia en Europa 2025 (DiEM25) manifesta o seu firme apoio, claro e decidido á manifestación unitaria que terá lugar este mércores 11 de xuño en Vigo ás 20:00 horas dende o cruce de Vían Norte con Urzáiz para esixir o fin inmediato do xenocidio contra o pobo palestino.
DiEM25 en Galicia súmase á ampla convocatoria de organizacións sociais, sindicais e políticas que impulsan esta mobilización baixo o lema «Paremos o xenocidio. Vigo convoca Palestina», un clamor colectivo en defensa da vida, dos dereitos humanos e do dereito internacional.
Nun momento histórico marcado pola inacción cómplice das potencias occidentais e pola brutalidade sen precedentes do réxime israelí sobre a poboación civil palestina, consideramos imprescindíbel que a cidadanía europea, galega e viguesa se erga e faga escoitar a súa voz. A resposta popular é hoxe unha obriga moral e política.
A nosa presenza nesta mobilización expresa o compromiso de DiEM25 coa causa da paz, co dereito dos pobos á autodeterminación e cunha orde internacional baseada na xustiza e na legalidade, non na forza bruta nin na impunidade. O noso movemento leva anos denunciando o papel da Unión Europea como cómplice silenciosa das políticas coloniais, militares e xenocidas do estado sionista de Israel, e reclamando medidas concretas como:
- a suspensión decontado dos acordos de asociación entre a UE e Israel,
- o embargo de armas,
- o recoñecemento efectivo do Estado palestino,
- e o apoio aos mecanismos internacionais para investigar os crimes de guerra e de lesa humanidade.
Facemos un chamamento a todas as persoas demócratas, a todas as conciencias críticas e solidarias, a participar nesta mobilización cidadá e a facer da rúa o espazo de denuncia, de dignidade e de esperanza compartida. Vigo ten unha longa tradición de loita e solidariedade internacionalista: o 11 de xuño será unha nova mostra dese espírito rebelde, xusto e necesario.
Porque non hai paz sen xustiza, porque a vida e a dignidade están por riba de calquera xeopolítica, DiEM25 estará nas rúas de Vigo esixindo o fin do xenocidio e o recoñecemento pleno dos dereitos do pobo palestino.