O Partido Popular de Sarria reclama a reparación urxente dos danos ocasionados por ADIF na parroquia de Piñeira

O Grupo Municipal Popular xa ten esixido a reparación dos danos sufridos no barrio da estación de Oural e na contorna da coñecida como ponte do Mazadoiro onde se produciron importantes danos que aínda non foron corrixidos. Agora, os populares alertan dos danos que afectan á parroquia de Piñeira e que comprometen a propia seguridade da ponte sobre o río Celeiro ou río Pequeno.

“Consideramos urxente esixir a ADIF a reparación dos danos ocasionados no camiño que vai de Outeiro a Vilameá e a restitución das varandas que había na ponte sobre o río Pequeno antes de ter que lamentar danos maiores, xa que o dano das mesmas está a ocasionar un importante risco de caída e pode comprometer a seguridade da veciñanza”, segundo explica a portavoz, Carmen José López.

Por outra parte, sinalan o prexuízo que están a soportar tamén a parroquia como consecuencia do escombro almacenado no monte veciñal, resultante da pedra e materiais retirados durante a obra e depositados alí e dos que ninguén se fai cargo, polo que esixen a súa retirada e a limpeza da zona afectada xa que descoñecen se o material podería estar afectado por sustancias ou restos contaminantes.  

Desde o PP lembran que esta reclamación non é nova: xa foi trasladada en múltiples ocasións ao Goberno local e mesmo se presentou unha moción no pleno da corporación municipal para instar a ADIF a asumir as súas responsabilidades e repoñer os elementos danados. “A pesar diso, o tempo segue pasando sen que se tomen medidas efectivas, cun claro prexuízo para a veciñanza”, inciden.

“O deterioro de infraestruturas, pavimento, elementos de seguridade e accesos é evidente e está a afectar a calidade de vida dos veciños. Non podemos permitir que unha administración como ADIF execute obras e deixe tras de si un regueiro de danos sen reparar”, sinalan desde o Grupo Municipal Popular.

Por todo isto, o PP de Sarria volve a esixir ao goberno local que actúe con firmeza e que se dirixa de maneira urxente a ADIF para que asuma a súa responsabilidade e repare de inmediato todos os danos xerados polas súas actuacións para que este custo non teña que ser asumido polas arcas municipais e repercutir no patrimonio dos sarriaos e sarriás. “Non se trata só dunha cuestión de estética, senón de seguridade, mobilidade e respecto polos veciños do noso concello”, conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios