Tras o rexeitamento maioritario do preacordo do convenio colectivo por parte do persoal, desde UGT-NAVANTIA Ferrol queremos trasladar unha mensaxe clara: é o momento de redobrar esforzos e responsabilidade por parte da SEPI, NAVANTIA e o Ministerio de Facenda para reconducir a negociación e acadar un acordo que dea resposta ás lexítimas aspiracións das traballadoras e traballadores.
O “non” ao preacordo anterior non debe interpretarse como un peche, senón como unha oportunidade para mellorar. O persoal falou e a súa mensaxe é inequívoca: as condicións actuais non satisfán as expectativas nin garanten un futuro digno para quenes sosteñen co seu traballo diario os estaleiros e a industria naval pública.
Desde UGT-NAVANTIA Ferrol reiteramos a nosa vontade de diálogo e negociación pero tamén a nosa firmeza na defensa dos dereitos laborais, da estabilidade no emprego e da mellora das condicións de traballo. Os novos retos de NAVANTIA esixen un convenio á altura, que non só mire ao presente, senón que proxecte un futuro sostible e xusto para todas e todos.
A sección sindical de UGT en Navantia Ferrol valoramos de forma positiva os recentes anuncios relacionados co incremento do orzamento de defensa pero tamén consideramos que é insuficiente para reforzar o investimento público no sector naval e o impulso á I+D+I como elementos clave para garantir o futuro dos nosos estaleiros e o emprego de calidade na comarca.
O aumento da carga de traballo prevista para os vindeiros anos, xunto cos programas estratéxicos en marcha, representa unha oportunidade histórica para consolidar a actividade industrial, modernizar as infraestruturas construíndo un dique cuberto como medida estratéxica para asegurar a competitividade e posicionarnos á vangarda da construción naval militar en Europa e no mundo, avanzando cara un modelo produtivo máis innovador e sostible.
É precisamente nesta situación favorable onde resulta incomprensible a cicatería da empresa ante as reivindicacións sindicais, tendo en conta que nos
últimos anos os custos salariais (masa salarial) víronse reducidos significativamente, mellorando polo tanto a produtividade.
Neste contexto, UGT-NAVANTIA Ferrol subliña a importancia de que estes investimentos se traduzan en:
- Estabilidade laboral, rexuvenecemento do cadro de persoal e recuperación do poder adquisitivo.
- Formación continua e cualificación profesional adaptada aos novos retos tecnolóxicos para o persoal fixo, así como para as traballadoras e traballadores das industrias auxiliares, piares na construción naval, co fin de afrontar os desafíos tecnolóxicos, produtivos e de innovación que marcarán o futuro do sector naval.
- Participación activa das traballadoras e traballadores nos procesos de transformación dixital e innovación.
Así mesmo, instamos á SEPI, ao Ministerio de Defensa e á dirección de Navantia a garantir que os recursos se xestionen con transparencia, visión estratéxica e compromiso co emprego local.
UGT-NAVANTIA Ferrol subliña a necesidade de que todos os axentes sociais, institucionais e económicos de Ferrolterra —organizacións sindicais, asociacións empresariais, administracións locais e sociedade civil— se involucren activamente na defensa e promoción do sector naval como motor de desenvolvemento e cohesión territorial.
A sección Sindical reafirmamos a nosa disposición a colaborar en todos aqueles espazos de diálogo que contribúan a fortalecer o tecido industrial da ría de Ferrol e a situar o noso estaleiro como referente en tecnoloxía, sustentabilidade e emprego digno.