Últimos días para matricularse nos tres novos títulos en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes da Universidade da Coruña

O Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes impartirase de setembro a decembro de 2025; a MicrocredencialAlgoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación, de setembro a outubro; e a Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Aplicacións prácticas, de novembro a decembro do mesmo ano.

O vindeiro domingo, día 30 de xuño, rematao prazo de preinscrición para a primeira edición de tres novos títulos propios da Universidade da Coruña. Trátase do Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2025, e a Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación, que terá lugar entre setembro e outubro destemesmo ano.

Os tres cursos están organizados no marco da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, e o interesante das formacións non é só a temática, que supón un complemento formativo nos factores de sustentabilidade vinculados ás TIC para o estudantado e profesionais deste campo, senón que se trata de accións encadradas no concepto de “longlife learning” (formación ao longo de toda a vida) que promove a Unión Europea, polo que as tres permiten unha actualización de coñecemento nunha acción concentrada e, no caso da microcredencial, trátase ademais dun formato formativo novidoso que está implantando a UDC.

Curso de Experto 

Con 25 créditos ECTS e un total de 625 horas de formación, o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes está especialmente dirixido a profesionais en activo e persoas interesadas en adquirir coñecementos prácticos sobre o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de intelixencia artificial dende unha perspectiva sostible. O programa será impartido por un equipo docente interdisciplinar formado por persoal investigador da UDC e especialistas de empresas tecnolóxicas líderes, así como de outras universidades.

A formación terá un marcado enfoque práctico, estruturado en módulos que abranguen desde os fundamentos da IA ata a súa aplicación sostible en contornas reais. O alumnado poderá traballar en proxectos colaborativos e resolver retos vinculados á sustentabilidade e á transformación dixital. As clases desenvolveranse os martes, xoves e venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

Para acceder a este curso, requírese contar con formación universitaria en áreas relacionadas coas TIC ou enxeñarías, así como coñecementos de programación e o prezo de matrícula é de 400 euros.

Microcredenciais

As dúas microcredenciais ofertadas, de 6 créditos ECTS cada unha, ofrecenunha formación intensiva durante cinco semanas, cun horario de luns e mércores de 16:00 a 20:00 horas. Estas formacións están deseñadas para persoas con coñecementos previos de programación que conten, como mínimo, con estudos de bacharelato, BUP, FPII ou un Ciclo Formativo de Grao Superior.

A primeira das microcredenciais céntrase na formación práctica e especializada no uso de tecnoloxías punteiras, como CPUs e TPUs, que aceleran o desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática. Ao longo do curso, aprenderanse tamén técnicas para optimizar arquitecturas e algoritmos, favorecendo unha implementación eficiente e sostible en contornas reais.

A segunda microcredencial, pola súa banda, analiza a IA aplicada a casos reais de estudo e control estatístico da calidade no marco da Industria 4.0 e 5.0, na que a sustentabilidade ten un papel fundamental. Proporcionarase formación técnica, metodolóxica e aplicada en bases de datos, aprendizaxe estatística, aprendizaxe máquina e control estatístico da calidade para resolver casos de estudo.

Estas formacións están deseñadas para dar resposta ás necesidades de diferentes perfís. Desde o ámbito académico, amplía a oferta formativa e impulsa enfoques tecnolóxicos máis respectuosos co medio. No contexto científico, capacita investigadores para innovar no deseño de modelos de IA eficientes, combinando teoría e práctica, así como a aplicación de técnicas avanzadas de IA a problemas medioambientais. E, desde unha óptica profesional, aborda a crecente demanda de expertos en intelixencia artificial cunha sólida preparación técnica e unha visión clara dos retos da sustentabilidade.

Estas dúas microcredenciais forman parte do programa “Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial”, unha iniciativa pioneira composta por catro microcredenciais complementarias. A realización das catro microcredenciaisdará dereito á obtención dun título de Nanomáster, recoñecido pola súa especialización en IA sostible e tecnoloxías verdes. O prezo de matrícula é de 150 euros.

Tanto o curso de experto como estas primeiras microcredenciais ofértanse por primeira vez na UDC, e serán as instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), no Campus de Elviña, onde se impartan.

Con esta nova programación formativa a Universidade da Coruña reflicte o seu compromiso coa formación avanzada, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade ambiental.

Máis información na web da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, así como no correo electrónico: catedra.inditex.algoritmos.verdes@udc.es.

Comparte éste artículo
No hay comentarios