Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a Deputación financia o 70% dos custos laborais (salario e Seguridade Social) das novas contratacións durante un ano.
A Deputación da Coruña financia este ano a contratación de 311 persoas en pequenas empresas, microempresas e negocios de persoas autónomas da provincia a través da liña de axudas PEL-Pemes Creación. A resolución da convocatoria vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e suporá un investimento de preto de 3,5 millóns de euros destinado á creación de emprego nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
As axudas permitirán ás entidades beneficiarias cubrir ata o 70% dos custos laborais durante un período máximo de 12 meses, incluíndo soldos, cotizacións á Seguridade Social e outros gastos sociais. Os contratos subvencionables deberán ter unha duración mínima de seis meses, e o importe máximo da subvención por persoa contratada será de 15.000 euros no caso de contratos de xornada completa dun ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que este programa «é unha mostra clara do compromiso da Deputación coa dinamización económica e a xeración de emprego estable e de calidade nos concellos máis pequenos da provincia”. Engadiu tamén que “apostamos por un modelo de axudas que chegan directamente ás pemes e autónomos, que crean postos de traballo e manteñen vivo o tecido económico e social do rural coruñés”.
Santiago e Costa da Morte, as comarcas con máis axudas concedidas
Segundo os datos publicados, máis do 81% das empresas beneficiarias realizarán contratos indefinidos, e máis do 78% serán a xornada completa, o que confirma a orientación do programa cara á creación de emprego estable. A maior parte das concesións concéntranse nas comarcas de Santiago, con 97 axudas por un importe de 1.100.381,77 euros, e Bergantiños-Costa da Morte, con 69 concesións que suman 756.555,05 euros. Entre os concellos con maior número de solicitudes concedidas destacan Mazaricos (20), Ordes (14) e Cee (12).
Os municipios de entre 5.001 e 10.000 habitantes agrupan o 38,91% das concesións, mentres que os de entre 2.001 e 4.000 suman un 26,37%. Por perfil das entidades beneficiarias, as persoas autónomas son o colectivo máis numeroso, con 177 solicitudes concedidas, o que representa o 56,91% do total. Tamén destaca a presenza feminina, xa que 118 das empresas beneficiarias están lideradas por mulleres ou teñen maioría de capital social feminino, o que supón case o 38% do total.
Por sectores, o terciario é o máis favorecido (60,77%), especialmente en hostalaría e comercio, seguido do secundario (19,61%), centrado en construción e reformas, e o primario (18,01%). Ademais, case o 94% das empresas beneficiarias acceden por primeira vez a esta liña de axudas, o que reflicte a súa capacidade para chegar a novas iniciativas emprendedoras no rural.
“O noso obxectivo é que as oportunidades non dependan do lugar onde se viva, e que a creación de emprego e o apoio ao emprendemento sexan tamén unha realidade nas zonas con menor poboación”, afirmou Formoso. “Con programas como este contribuímos a fixar poboación, apoiar ás pequenas empresas locais e a crear novas oportunidades de emprego nos concellos máis pequenos da provincia”, concluíu.
Nos seus nove anos de historia, o PEL suma máis de 120 millóns de euros de investimento, demostrando ser un gran aliado para concellos, pemes e autónomos e ofrecendo diferentes liñas de axuda que responden ás necesidades específicas de cada colectivo. As cifras dan conta do éxito: 7.700 empregos creados no sector público e privado, 2.700 pequenas empresas beneficiadas das axudas para investimentos e modernización, 4.000 autónomos que viron reducida a súa cuota mensual e máis de 260 proxectos emprendedores xestados nos 11 centros cos que conta a Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación.
A listaxe completa das empresas beneficiarias pode consultarse no seguinte enlace:
| Comarca | Concello | Concedidas | Total comarca | % concedidas por comarca | Importe concedido |
| BARBANZA | BOIRO | 4 | 62 | 19,94 % | 720.981,53 € |
| CARNOTA | 8 | ||||
| LOUSAME | 2 | ||||
| MAZARICOS | 20 | ||||
| MUROS | 11 | ||||
| NOIA | 3 | ||||
| OUTES | 7 | ||||
| POBRA DO CARAMIÑAL, A | 4 | ||||
| PORTO DO SON | 1 | ||||
| RIANXO | 2 | ||||
| BERGANTIÑOS | CAMARIÑAS | 7 | 69 | 22,19 % | 756.555,05 € |
| CEE | 12 | ||||
| CERCEDA | 7 | ||||
| CORCUBIÓN | 2 | ||||
| CORISTANCO | 1 | ||||
| DUMBRÍA | 8 | ||||
| FISTERRA | 9 | ||||
| LAXE | 2 | ||||
| MALPICA DE BERGANTIÑOS | 1 | ||||
| MUXÍA | 6 | ||||
| PONTECESO | 4 | ||||
| VIMIANZO | 6 | ||||
| ZAS | 4 | ||||
| CORUÑA | ABEGONDO | 3 | 38 | 12,22 % | 433.133,70 € |
| ARANGA | 3 | ||||
| BERGONDO | 1 | ||||
| BETANZOS | 4 | ||||
| CARRAL | 3 | ||||
| COIRÓS | 1 | ||||
| CURTIS | 4 | ||||
| MESÍA | 1 | ||||
| MIÑO | 1 | ||||
| OZA-CESURAS | 3 | ||||
| PADERNE | 3 | ||||
| SADA | 5 | ||||
| SOBRADO | 4 | ||||
| VILASANTAR | 2 | ||||
| FERROL | CABANAS | 4 | 45 | 14,79 % | 484.520,15 € |
| CAPELA, A | 3 | ||||
| CARIÑO | 2 | ||||
| CEDEIRA | 4 | ||||
| CERDIDO | 6 | ||||
| FENE | 2 | ||||
| MOECHE | 2 | ||||
| MONFERO | 2 | ||||
| NEDA | 2 | ||||
| ORTIGUEIRA | 3 | ||||
| PONTEDEUME | 3 | ||||
| PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ, AS | 4 | ||||
| SAN SADURNIÑO | 4 | ||||
| VALDOVIÑO | 3 | ||||
| VILARMAIOR | 1 | ||||
| SANTIAGO | ARZÚA | 5 | 97 | 31,19 % | 1.100.381,77 € |
| BAÑA, A | 4 | ||||
| BOIMORTO | 3 | ||||
| BOQUEIXÓN | 3 | ||||
| BRIÓN | 2 | ||||
| MELIDE | 8 | ||||
| NEGREIRA | 4 | ||||
| ORDES | 14 | ||||
| OROSO | 4 | ||||
| PADRÓN | 6 | ||||
| PINO, O | 8 | ||||
| ROIS | 1 | ||||
| SANTA COMBA | 3 | ||||
| SANTISO | 1 | ||||
| TEO | 2 | ||||
| TOQUES | 3 | ||||
| TORDOIA | 4 | ||||
| TOURO | 6 | ||||
| TRAZO | 2 | ||||
| VAL DO DUBRA | 10 | ||||
| VEDRA | 4 | ||||
| Totais | 311 | 3.495.572,20 € |