Tomará posesión do seu cargo nun acto, que se celebrará mañá xoves,no Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela, actual sede da Real Academia de Farmacia de Galicia.
A Dra. Blanca Laffon Lage, catedrática de Psicoloxía na Universidade da Coruña e investigadora no Grupo de investigación Diagnóstico conductual e molecular aplicado á saúde (DICOMOSA) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), tomará posesión mañá xoves como Académica de Número na Real Academia de Farmacia de Galicia, nun acto solemne que se celebrará na sede de Santiago de Compostela.
A científica será nomeada polo seu traballo punteiro nas áreas de efectos psicofisiolóxicos de exposicións ambientais e ocupacionais, a toxicoloxía xenética e os biomarcadores da fraxilidade no envellecemento.
No que respecta áa súa traxectoria investigadora, un estudo de especial repercusión foi a avaliación da xenotoxicidade e toxicidade inmunitaria e endócrina en voluntarios e traballadores expostos ao fuel vertido polo buque Prestige, afundido fronte ás costas galegas en 2002. Este estudo constituíu o obxecto da súa primeira Tese Doutoral codirixida coa pProfesora JosefinaMéndez. Ata ese momento, a avaliación da saúde de persoas expostas a verteduras de petróleo centrábase en efectos agudos e psicolóxicos, polo que a investigación realizada polo seu grupo foi pioneira na avaliación de efectos crónicos e o seu seguimento a longo prazo.
Por iso, cando se produciu a explosión da plataforma petrolífera DeepwaterHorizon no golfo de México en 2010, Blanca Laffon foi convocada polos Institutos Nacionais de Saúde de EEUU para formar parte do comité de expertos que asesorou sobre a avaliación das repercusións para a saúde nas persoas expostas á vertedura xerada. Nesta liña, actuou como perito experto en arbitraxes e litixios internacionais, avaliando os efectos para a saúde en situacións de verteduras petrolíferas.
Cunha ampla proxección internacional, a científica lidera diversos proxectos de investigación, entre os que destaca a participación no proxecto europeo PARC impulsado pola Comisión Europea sobre riscos químicos e saúde pública.
Na actualidade continúa a investigar sobre a fraxilidade no envecellemento, así como na avaliación da biocompatibilidade e seguridade de novos nanomateriais utilizados en diversos produtos comerciais e aplicacións biomédicas.
“É un privilexio e unha grande honra ser recoñecida por compañeiros do ámbito farmacéutico, considerando os eminentes profesionais de moi diversos ámbitos que integran a Academia, entre os cales se contan ademais algúns dos profesores que me deron clase na Facultade de Farmacia da USC fai xa uns cantos anos”, sinala Blanca Laffon.
A investigadora dará o seu discurso de ingreso durante a cerimonia que leva por título: «Envellecemento fisiolóxico ou patolóxico? A síndrome de fraxilidade».
O acto pódese seguir en directo a través do canal oficial da Academia e está dispoñible en liña: Ingreso da Dra. Blanca Laffon Lage
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.