O pasado luns día 9 comezaron no municipio litoral de Cabanas accións contra as árbores de gran porte á marxe dereita do paseo marítimo. Algunhas das poucas árbores caducifolias de gran porte que quedan no municipio, con grande afectación turística, están sendo taladas con celeridade, aparentemente como parte dunhas obras de adaptación dun aparcamento que se viña usando de forma pública a modalidade de pago.
Grupos ecoloxistas e veciñas da zona denunciaron o caso ás autoridades, pero as accións de tala continúan sen deterse, cun ritmo alarmante.
Estas accións, que poderían deixar unha parte do municipio convertida nun solar sen sombras nin verde en cuestión de 48h, teñen lugar en época de protección máxima das árbores, en relación ao aniñamento de fauna, con numerosas especies protexidas, como os picos picapiñeiros, varios tipos de chirros, así como paxaros de menor tamaño como chochíns, xílgaros, mitos, paporroibos, entre moitras outras.
O derribo de árbores ten lugar en época de acelerado cambio climático e perda de biodiversidade. Os grupos ecoloxistas mobilizados advirten das consecuencias negativas para toda a poboación da rexión, canto á calidade do aire e a perda de zonas sombreadas e frescas.
Fontes veciñais compartían o seu asombro por esta escolla “incomprensible” do Concello: “escollen quitar árbores dun parking que xa se usaba como tal, deixando inhóspito un futuro parking de pago que será un fervedoiro de calor e polvo. Unha xestión que non podemos entender nin compartir”.
O concello podería enfrentarse a importantes sancións económicas, máis o desastre ecolóxico non terá volta atrás se se continúan as talas, advirten.
Trátase dunha acción que reitera a relación conflictiva coa contorna natural da administración do municipio de litoral, coñecido e disfrutado polo seu areal, acceso ao mar, e distintivo piñeiral. A mesma administración ordenou unha polémica colocación de areas hormigonadas no devandito piñeiral, que está permitindo o acceso de maquinaria pesada á zona natural dende comezos de primavera, motivando tamén cuestións e protestas das voces que defenden os espazos comúns, naturais, e a súa conservación en boas condicións.
Grupos locais convocan un encontro en protesta por estas accións hoxe, día 11 de xuño as 5 da tarde.