«Sánchez frea a A-76»: Senadores do PP lucense critican 7 anos sen progreso na autovía

Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “a autovía A-76 que conectaría Ponferrada con Ourense -pasando polas comarcas de Quiroga e Lemos- non avanzou nada nos últimos 7 anos co Goberno de Sánchez”.

“Os distintos tramos desta infraestrutura están exactamente igual que como os deixou o Goberno do Partido Popular”, pero “xa non é que estea como o deixou o Goberno do Partido Popular, senón que o Goberno de Sánchez non ten planificación nin prazos”, segundo se desprende da resposta oficial do Executivo de España ás preguntas dos senadores por Lugo.

A A-76 é unha infraestrutura clave para acceder á Meseta dende o interior de Galicia, vertebrando as comarcas de Quiroga, Lemos e Valdeorras. Pero, “a pesar do seu carácter estratéxico, forma parte da xa extensa lista de incumprimentos en materia viaria do Goberno de coalición que preside Pedro Sánchez”.

Os representantes lucenses do Grupo Popular no Senado explican que “non hai ningún proxecto” para os tramos da provincia de Lugo. O Goberno de Sánchez indica na resposta oficial que os tramos que aínda non teñen os proxectos en fase de redacción, “se impulsarán cando conclúan os anteriores, sempre e cando o permitan as dispoñibilidades orzamentarias”.

Todo indica que “o Goberno de Sánchez non ten previsto executar esta infraestrutura” demostrando unha vez “a discriminación aos veciños e veciñas da provincia de Lugo aos que deixa illados”, conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios