A Universidade da Coruña ofrece para o curso 2025-26 un total de 3.295 prazas en 55 graos

O estudantado que xa superou a PAU poderá realizar a preinscrición entre os días 13 e 26 xuño, mentres que para as persoas da convocatoria extraordinaria o período será do 17 ao 21 de xullo.

 A Universidade da Coruña ofrecerá un total de 3295 prazas de grao para o novo estudantado no curso 2025-26. Así, no Campus da Coruña ofertaranse máis de 2700 prazas, mentres que en Ferrol serán preto de 600.  

Esta oferta académica da UDC distribúese en 55 graos (41 en Coruña e 14 en Ferrol), e abrangue títulos de todas as áreas de coñecemento. Como novidade este ano, ponse en marcha o programa de simultaneidade en Enxeñaría Informática e Ciencia e Enxeñaría de Datos, que terá 10 prazas e será impartido na Facultade de Informática, no Campus de Elviña. 

A UDC vén realizando desde hai varios anos un proceso de actualización e incorporación de novas titulacións para facelas máis atractivas e próximas ás necesidades do mercado laboral. Así este ano, dos 41 títulos ofrecidos na Coruña, nove deles son bilingües (≥ 50% das materias ofértanse en inglés. Unha vez matriculada, a persoa pode escoller grupo en inglés ou en castelán/galego) e nove son programas de simultaneidade. Pola súa banda, Ferrol conta con 14 graos, dos que dous son de simultaneidade e outros dous plurilingües (con materias que se imparten en idioma diferente ao castelán/galego, e teñen requisitos de admisión específicos).  

Prazos de preinscrición

As persoas que xa superaron a PAU deberán realizar a preinscrición entre os días 13 e 26 xuño, mentres que para o estudantado da convocatoria extraordinaria o período será do 17 ao 21 de xullo.

A listaxe completa de cada grao coas súas prazas, así como todas as cuestións relacionadas co proceso de preinscrición e matrícula poden consultarse xa na web da Comisión Interuniversitaria de Galicia https://www.ciug.gal/gal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios