O concelleiro do BNG en Monterroso, Brais Vázquez, amosou a súa «total desconformidade» coa elevada lista de agarda na escola infantil do concello, despois de facerse pública a listaxe provisional de solicitudes non admitidas.
«Xa no anterior pleno advertimos desta situación e preguntamos pola apertura dunha nova aula, algo que o grupo de goberno rexeitou sen argumentos sólidos. Agora queda demostrado que é unha medida imprescindible. Ademais, esa aula está autorizada pola Consellería e podería abrirse», denunciou Vázquez.
Desde o BNG propoñemos tamén, como alternativa, a reorganización das prazas mediante un agrupamento diferente que permita dar cabida ás solicitudes actualmente en lista de agarda. O grupo nacionalista tamén criticou a tardanza na publicación da acta de baremación, o que xerou malestar entre moitas familias. «Publicouse tan tarde que as familias perderon prazos noutras escolas infantís dos concellos limítrofes. Isto podería supoñer que algunhas delas queden sen opcións para garantir a conciliación familiar, algo totalmente inadmisible no noso Concello», afirmou o concelleiro.
O BNG esixe ao goberno local que tome medidas urxentes para solucionar esta situación e garantir un servizo público de calidade e adaptado ás necesidades reais da veciñanza. «A clave está en que prioridades políticas ten cada goberno, se aposta polo gasto social e de servizos públicos ou prefire inversións en infraestruturas, das cales, moitas seguen pechadas co paso do tempo»