O PP esixe explicacións ao Goberno de Sánchez ante “atrasos de ata 3 anos nas obras da estación de Monforte”

O deputado Francisco Conde e as deputadas autonómicas Katy Varela -portavoz do PP de Monforte- e Raquel Arias comprobaron a situación das obras con “atrasos inasumibles” e lembraron que “nin o Goberno nin o PSOE deron ningunha explicacións sobre outra obra de ADIF no tramo Monforte – Lugo que está baixo investigación polo caso de corrupción no PSOE da man de Koldo, Cerdán e Pardo de Vera”.

O Partido Popular pide explicacións ao Goberno de Sánchez polo atraso nas obras de mellora da estación de ferrocarril de Monforte debido á “mala planificación e falta de seguimento das actuacións por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e do propio Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible”. 

As obras correspondentes á primeira fase -andéns, pasos inferiores e outros elementos- deberían estar rematadas en setembro do 2022, é dicir, fai 3 anos. E as correspondentes á segunda licitación -cuberta, fachada do vestíbulo e marquesiñas dos andéns-, en febreiro deste ano 2025.

Os deputados por Lugo Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades veñen de rexistrar formalmente no Congreso preguntas dirixidas ao Executivo para coñecer os motivos do atraso e se ten previsto esixir responsabilidades ás adxudicatarias ante os incumprimentos. Os populares lembran que “nin o Goberno nin o PSOE deron ningunha explicacións sobre outra obra de ADIF no tramo Monforte – Lugo que está baixo investigación polo caso de corrupción no PSOE da man de Koldo, Cerdán e Pardo de Vera”.

O deputado monfortino Francisco Conde asegura que “os atrasos son inasumibles” e, durante unha visita coas deputadas autonómicas Katy Varela -portavoz do PP de Monforte- e Raquel Arias, advertiron dos continuos cambios que se están producindo na organización do tráfico na praza da Estación que “están xerando preocupación aos usuarios e veciños da zona no ámbito da seguridade e a accesibilidade” e tamén “prexuízos” á actividade dos negocios do entorno”.

A portavoz municipal, Katy Varela, subliña que “as obras se están alongando demasiado, causando molestias aos veciños e prexuízos para Monforte”; pero “mentres os monfortinos se amosan preocupados polo remate das obras da estación, o alcalde mira para outro lado”. 

Ademais, Monforte tamén sofre a perda de frecuencias ferroviarias. Pero ante a proposta do Grupo Popular no último Pleno do Concello -celebrado a finais de xullo-, “o alcalde e o goberno socialista votaron en contra de reclamar máis horarios con Ourense, Madrid e Barcelona, así como recuperar as frecuencias suprimidas pola covid”.

GARANTIR A SEGURIDADE E A CALIDADE

Conde agarda que o Goberno de Sánchez aclare que seguimento realiza ADIF das obras para garantir a seguridade viaria na praza e se ten previsto adoptar medidas para paliar os efectos que o atraso das obras xera nas actividades hostaleiras.

Así mesmo, indica que as obras están xerando “preocupación” en relación á súa calidade. Son moitos os defectos que se observan a simple vista polo que xeran “moitas dúbidas sobre o cumprimento dos pregos por parte da adxudicataria”. Os populares apostan por garantir a calidade das obras e esíxenlle ao Goberno de Sánchez explicar como ten previsto adecualas aos pregos da licitación.

CARGADORES ELÉCTRICOS

ADIF ten instalado, no marco das axudas do Plan Moves, tres puntos de recarga para vehículos eléctricos na praza da Estación de Monforte, pero na actualidade non se atopan operativos.

Os deputados populares esixen ao Goberno unha data para a súa posta en marcha e preguntan se, a pesar de que non estean en funcionamento, cumpren todos os requirimentos establecidos na convocatoria de axudas do Plan Moves para obter subvención.

Comparte éste artículo
No hay comentarios