58-62: Os últimos tres minutos sentencian o J.Caamaño Arquitecto.
Non puido ser, pero… Estivo a pouco máis de tres minutos. Nun partido estraño, marcado pola suspensión do seu adestrador por dúas técnicas durante o partido de semifinais en Vigo, o J.Caamaño Arquitecto Santo Domingo Betanzos, que foi por diante durante case todo o partido, caeu fronte ao Basquet Coruña U14 por un axustado 58-62. O encontro, celebrado o serán do sábado en Compostela, foi a clásica final, inzada de nervios e imprecisións polas dúas partes na que, a pesar de todo, os rapaces de Toni Seijo, que presenciou o partido dende a bancada, lograron dominar o marcador, cunha vantaxe máxima de 10 puntos, durante 37 dos 40 minutos do envite. Nunha secuencia que se moveu maioritariamente entre os 6-8 puntos de avantaxe, os de Betanzos, dirixidos para a ocasión por Alberto Caamaño e José Espiñeira, non souberon romper en ningún momento o partido e deixaron vivo a un Basquet Coruña que aproveitou o colapso en ataque do Santo nos últimos minutos do cuarto, endosándolle un parcial de 8-17 que ao final foi definitivo.Temporada magnífica a pesar de todo para os infantís, que suman este subcampionato de Copa ao bronce na Liga e á prata acadada no Memorial Miguel Angel González Estévez, disputado na Semana Santa en Vilagarcía, na que caeron na final por 2 puntos fronte ao Obradoiro, ao cabo, campión tamén da Liga de Primeira División Infantil.
O cadete Arón Espiñeira na selección galega 3X3 U15
Pola súa parte, os mini 3×3 gañaron en Ordes 2 dos 6 partidos disputados (os dous que xogou contra Maristas) e os sub-22, dirixidos por José Amando e Alberto Caamaño, deron a sorpresa en Miño vencendo a Estudiantes Pontevedra por un contundente 80-61. Con todo, unha das mellores noticias da xornada chegou da concentración cadete en Marín. Arón Espiñeira, xogador do Grelo Cadete, está dentro da lista dos 4 xogadores que representarán a Galicia no campionato 3×3 U15 a disputar a vindeira semana en Melilla.