Rego denuncia o incremento do gasto militar e reclama transparencia e freo á carreira armamentística impulsada pola OTAN

Rego pregunta ao Goberno polos 15.000 millóns aprobados o 10 de xuño para novos programas militares e alerta das consecuencias sociais destes aumentos, como o incumprimento da Lei de Dependencia.

O BNG vén de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno nas Cortes para denunciar os continuos aumentos do gasto militar aprobados este ano mediante transferencias e créditos extraordinarios. En concreto, a iniciativa céntrase na autorización de máis de 15.600 millóns de euros aprobada no Consello de Ministros do 10 de xuño para financiar novos Programas Especiais de Modernización do Ministerio de Defensa, sen debate parlamentario e en cumprimento dos ditados da OTAN e dos Estados Unidos. O deputado do BNG, Néstor Rego, cualifica esta política como “unha perigosa deriva militarista que compromete o gasto social e supón un entreguismo total ás potencias militares”.

A nova iniciativa do BNG pon o foco no acordo do Consello de Ministros do pasado 10 de xuño, que autorizou compromisos de gasto por un total de 15.635 millóns de euros entre 2026 e 2037 para financiar 12 novos Programas Especiais de Modernización no marco do chamado Plan Industrial e Tecnolóxico da Seguridade e a Defensa. Esta nova partida vén a engadirse aos máis de 10.000 millóns aprobados o 22 de abril, tamén mediante transferencias e créditos extraordinarios, sen debate nin control parlamentario.

“O Goberno está a impulsar unha política de rearme a marchas forzadas, multiplicando o gasto militar e renunciando a calquera debate democrático no Congreso. Isto responde única e exclusivamente ao ditado da OTAN e dos EUA. e, de facto, sitúa o Estado español como un alumno obediente do complexo militar-industrial internacional” denuncia Rego.

O deputado nacionalista lembra que, segundo os datos do Centre Delàs, o gasto militar do Estado aumentará 2,48% do PIB neste ano, superando xa o obxectivo de 2% fixado pola OTAN. Ao mesmo tempo, advirte que xa se están escoitando voces —desde Washington e Bruxelas— que poñen sobre a mesa un novo obxectivo de 5% do PIB, fronte ao que o Goberno de Sánchez “non está a amosar unha posición firme nin clara, senón máis ben unha ambigüidade calculada que abre a porta a novos incrementos”.

“Non só se compromete o orzamento público para os vindeiros 12 anos con estas decisións, senón que tamén se compromete o futuro social do país. O que se deixa de investir en sanidade, dependencia, vivenda ou educación, vaise investir en armamento e guerra” recrimina Rego.

En detrimento das políticas sociais, incumprindo o prometido

Este incremento masivo do gasto en defensa supón tamén o incumprimento flagrante dos compromisos adquiridos polo Goberno co BNG, como a financiación de 50% da Lei de Dependencia por parte do Estado, tal e como recolle o propio texto legal. Rego lembra que esta cuestión será obxecto dunha pregunta ao Goberno na vindeira sesión de control no Congreso.

“É absolutamente inaceptábel que mentres se destina unha chea de recursos a armas, o Goberno non cumpra co financiamento da Lei de Dependencia, condenando milleiros de persoas a longas listas de agarda e a unha atención insuficiente. Esa é a súa prioridade real, e nós ímolo denunciar con toda firmeza” sinala o deputado do BNG.

O BNG reafirma o seu “compromiso antimilitarista e na defensa do multilateralismo” e alerta de que a deriva do Goberno español na súa carreira por satisfacer as demandas da OTAN “conducirá inevitabelmente a recortes sociais, unha perda de benestar a cidadanía e maior dependencia das políticas ditadas polo lobby armamentísticoestadounidense”

Comparte éste artículo
No hay comentarios