Residencia Concepción Arenal: O BNG esixe á Xunta saber se se cumpre a Lei de Servizos Sociais tras os expedientes sancionadores

En resposta a preguntas por escrito formuladas pola deputada do BNG Mercedes Queixas, o Goberno galego recoñece que ten tramitado expedientes sancionadores á empresa concesionaria da Residencia de Maiores Concepción Arenal, situada na rúa Sebastián Martínez Risco.

Algúns deses expedientes traen causa de motivos leves, mais outros teñen como orixe infraccións graves, tales como non ter suficiente persoal ou ter traballadores que carecen da titulación esixida, o que obviamente implica unha mingua na calidade asistencial.

É por isto que a nosa concelleira volve rexistrar un feixe de preguntas, por escrito e orais (para a súa resposta en Pleno e Comisión), sobre unha residencia cuxa xestión foi privatizada pola Xunta.

“Queremos saber se a Xunta está a supervisar o cumprimento da Lei de Servizos Sociais por parte da concesionaria. Queremos saber se está a garantir que o coidado das persoas maiores é un dereito e non un negocio”, afirma Mercedes Queixas.

As reclamacións e denuncias formuladas contra a empresa concesionaria remiten tanto á deterioración das condicións laborais do persoal como á degradación na atención asistencial que reciben as persoas usuarias da residencia.

Nas respostas a cuestións anteriores formuladas polo BNG, o Goberno galego informaba de que, a resultas de inspeccións efectuadas en 2022, 2023 e 2024, se abriran expedientes sancionadores por infraccións tipificadas nos artigos 80 d), 81 f) e 81 g) da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.

Queixas demanda información sobre se xa teñen resolvido eses expedientes sancionadores e sobre como está a verificar a Xunta o cumprimento da lei por parte da concesionaria.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios