O BNG consegue que o Goberno se comprometa a avanzar no financiamento da atención á dependencia

O ministro de Dereitos Sociais comprométese co BNG a incrementar o investimento até alcanzar 50% do financiamento, tal e como está comprometido no Acordo de Investidura co BNG.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, levou hoxe ao Pleno do Congreso a situación de infrafinanciamento do sistema de atención á dependencia, especialmente no caso galego, e urxe o Goberno do Estado a cumprir co compromiso de asumir 50% do financiamento, tal e como foi recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG. Pola súa parte, o Ministro de Dereitos Sociais comprométese a incrementar o financiamento estatal e asume o compromiso de chegar a 50% o antes posíbel.

Durante a intervención do deputado nacionalista na sesión de control ao executivo no Congreso, Rego lembra que o Estado continúa a incumprir este compromiso, asumindo apenas  41% en 20234 do financiamento no caso galego, segundo datos do propio Ministerio. Esta realidade ten consecuencias directas na calidade de vida das persoas dependentes e nas condicións laborais do persoal do sector.

“O Goberno non pode seguir ignorando unha situación que afecta a millares de persoas dependentes e aos profesionais que traballan para garantir a súa atención” subliña Rego. “O sistema só poderá ser xusto e eficaz cun financiamento suficiente e co compromiso firme das administracións públicas”.

O deputado nacionalista sinala que a Xunta cifra en 2.500 millóns de euros a débeda acumulada do Estado coa Galiza en materia de dependencia desde 2007, unha débeda que, segundo o BNG, debe ser compensada. Tamén denunciou que o Goberno galego do Partido Popular utiliza o incumprimento estatal como escusa para aplicar recortes que converten á Galiza na comunidade con menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente —16%, frente a 23% da media estatal—, a pesar de ser un territorio especialmente afectado polo envellecemento e a dispersión poboacional.

Apoio as mobilizacións das e dos traballadores na Galiza

Rego puxo en valor as recentes mobilizacións do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e das residencias, que reclaman máis recursos e melloras nas súas condicións laborais. “Este infrafinanciamento páganas directamente as persoas dependentes e as traballadoras que sofren precariedade laboral” advirte.

A resposta do Goberno: o BNG estará vixiante de que se cumpra 

Como resultado da intervención do deputado nacionalista, o Ministro de Dereitos Sociais agradeceu a pregunta do BNG e a presión política exercida pola formación nacionalista e comprometeuse a incrementar o financiamento estatal da dependencia co obxectivo de alcanzar 50% estabelecido e recollido no Acordo de Investidura co BNG. O Bloque Nacionalista Galego considera este compromiso un avance positivo, mais avisa que fará seguimento estrito do seu cumprimento para garantir que se materialice.

“Para o BNG, a defensa dos dereitos sociais, especialmente das persoas máis vulnerábeis, é unha prioridade política” sentenza Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios