O BNG da Deputación da Coruña lidera o cambio na provincia cun modelo de goberno responsable e políticas transformadoras

 O grupo provincial coruñés do Bloque Nacionalista Galego fixo hoxe balance dos dous anos de mandato no actual goberno da Deputación da Coruña, e dez en total: políticas transformadoras, no local e no global, transversais, con impacto máis aló das áreas de xestión, que son as seguintes: cultura; turismo e cadea agroalimentaria; patrimonio e contratación; plans provinciais e asistencia a municipios, e igualdade, lingua e dereitos civís.

No almorzo de prensa celebrado no Club Cámara, compareceron os seis representantes do grupo: o vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira; a portavoz, Avia Veira, e as deputadas e deputados Cristina García (Plans e Asistencia a Municipios), Soledad Agra (Igualdade, Lingua e Dereitos Civís), Xosé Penas (Patrimonio e Contratación) e Natividade González (Cultura).

Liderando o cambio na provincia

«O BNG da Deputación da Coruña lidera o cambio na provincia», resumiu Veira ao comezo da súa intervención, «cun modelo de administración responsable e políticas transformadoras que son unha alternativa real de goberno á Xunta». «Nos dous anos deste último mandato», engadiu, «continuamos levando a cabo políticas transformadoras, no local e no global, transversais, con impacto máis aló das áreas nas que gobernamos: cultura, plans provinciais, turismo, igualdade, lingua e dereitos civís e patrimonio e contratación».

Segundo Avia, «son políticas que sitúan a vida no centro, cun enfoque feminista, ecoloxista, social, e por suposto nacionalista. E son dous anos máis de xestión nacionalista transformando a provincia da Coruña: en total, dez anos no goberno da Deputación, dez anos de estabilidade institucional e xestión responsable, consolidando un modelo de cogoberno eficaz». «Lideramos», afirmou Veira, «o cambio na provincia da Coruña: 13 alcaldías e varios cogobernos que demostran a nosa capacidade de diálogo e consenso; confianza cidadá crecente; modelo de goberno que se replica en concellos e Deputación; estabilidade, eficacia e proximidade como sinais de identidade».

Para a portavoz, o BNG é alternativa real de goberno á Xunta. «Porque somos un modelo de goberno responsable en todas as circunstancias: maioría, cogobernos e minoría. Porque demostramos na práctica a nosa capacidade de goberno, desde o local ao autonómico. Porque contamos con equipos preparados con gran experiencia na xestión. Porque promovemos un modelo de políticas públicas testado e que funciona. E porque temos a capacidade máis que demostrada de xestionar recursos e consensos» engadiu. «Construímos na Deputación unha sorte de ‘Xunta’ que replicaremos en todo o país cando academos o goberno autonómico: o que vedes nas vosas deputacións e concellos iso teredes na Xunta», asegurou Veira no remate da súa intervención.

Achegas do BNG na Deputación

Regueira resumiu as achegas do BNG provincial en relación coas áreas de goberno dos seus deputados e reiterou que o Bloque Nacionalista Galego «promovemos políticas transformadoras cun gran impacto na sociedade, nos concellos, no tecido asociativo e nos sectores implicados nas áreas que xestionamos, caso do agroalimentario, o cultural, o empresarial e o social».

«Por exemplo», explicou o vicepresidente, «nunha área tan ‘burocrática’ como é a de contratación, aplicamos cambios nos procesos con gran impacto a nivel de transparencia, accesibilidade, axilidade e eficiencia, modificando fórmulas e pregos». «Somos», abundou, «unha administración pioneira na posta en marcha de políticas de igualdade, normalización lingüística e de dereitos civís; cuestións transversais que aplicamos en todas as políticas que desenvolvemos».

As iniciativas propias nas diferentes áreas de goberno do BNG provincial coruñés teñen, segundo Regueira, eixos transversais a todas elas, «como a posta en valor da nosa identidade, a nosa lingua e cultura, o feminismo e o respecto ao territorio e á comunidade». A Rede cultural o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia e Residencias Artísticas Mariñán son exemplos «deses programas nosos que entenden a cultura como ferramenta de transformación social; o mesmo que apostan pola identidade propostas do departamento de Turismo coma a campaña ‘A paisaxe que sab’e ou os Plans de Sostibilidade Turística en Destino».

Referiuse tamén Regueira á cooperación e apoio a concellos; nomeadamente, ao Plan Único da Deputación, do que dixo que é «unha ferramenta de financiamento local posta en marcha polo BNG que supón unha auténtica revolución na relación cos concellos: autonomía e reparto de fondos con criterios obxectivos e transparentes». «E facémolo sempre da man dos concellos», defendeu, «escoitando as súas demandas e ofrecendo axuda e apoio, sexa cal sexa a súa cor política: liñas de subvencións, financiamento de persoal técnico de lingua, cultura, turismo; con reforzo da asistencia técnica e financeira aos municipios e incrementando a capacidade de financiamento local, en liña coa nosa proposta de que a Deputación ten a finalidade de darlle capacidade ás administracións locais, pois os concellos son adultos».

A comunicación constante coa sociedade é outro dos alicerces nos que se basean as políticas do BNG na Deputación da Coruña, segundo Regueira. «Establecemos canles de comunicación constante tanto cos sectores cos que traballamos nas nosas áreas (empresarial, agroalimentario, cultural), coma co tecido asociativo local, concellos e veciñanza. Escoitamos as súas demandas e ofrecemos respostas e solucións ás súas preocupacións e problemáticas do día a día».

Sobre o modelo de goberno do BNG baseado na transparencia e na eficiencia na xestión responsable dos recursos públicos, o vicepresidente referiuse, para rematar o balance, aos principios que os deputados do grupo provincial aplican en todas as súas actuacións: «transparencia na contratación, eficiencia na xestión e na administración cotiá, coordinación co resto das administracións e colaboración constante con todos os concellos, sen excepción».

Comparte éste artículo
No hay comentarios