Os populares xa denunciaron exactamente a mesma situación nesta vía o ano pasado, poucos días despois de que se realizasen traballos de renovación do firme; pero vólvese a repetir porque o goberno de PSOE e BNG aínda non adoptou ningunha medida.
O Grupo do Partido Popular preguntará no vindeiro Pleno ao goberno provincial de PSOE e BNG que ten pensado facer coa estrada LU-P-1201 de Castroverde que se derrete co sol.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, quere saber “se o presidente, José Tomé, e o o alcalde e deputado provincial, José María Arias, vai seguir permitindo esa chapuza ou vai facer algo para que os veciños non se queden pegados cada vez que circulan a pe ou en coche por esta estrada provincial”.
Os populares xa denunciaron exactamente a mesma situación nesta vía o ano pasado, poucos días despois de que se realizasen traballos de renovación do firme; pero vólvese a repetir porque o goberno de PSOE e BNG aínda non adoptou ningunha medida.
Ameijide advirte que “PSOE e BNG non só teñen as estradas abandonadas, senón que as poucas que arranxar as deixan feitas unha auténtica chapuza” como poden comprobar os veciños e veciñas de Castroverde.
“Chega con camiñar por esta estrada para ver como o asfalto se queda pegado ás solas dos zapatos e, por suposto, tamén ás rodas dos coches”. Polo tanto, “urxe realizar unha actuación de mantemento e mellora para garantir o correcto estado da vía e a seguridade dos usuarios”, sinalou.
Ás habituais deficiencias en vías provinciais que supoñen un risco para a seguridade viaria, coa chegada dos primeiros días de calor á provincia engádese esta nova situación.
O popular cre que “a calor seguramente provocará que o asfalto que comezou a derreterse continúe a desaparecer nas vindeiras semanas creando novas fochancas”.