A minaría de materias primas críticas na UE: primeiro explotar, logo planificar

ADEGA insta a non tramitar novos proxectos até que non haxa un Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia.

Coa declaración do proxecto «Mina Doade» como estratéxico, comeza a carreira por extraer e acaparar materias primas críticas na UE. Porén, á falla dunha planificación sectorial previa pode converter a Galiza nunha colonia mineira interna. Desde ADEGA ínstase ás administracións públicas a non admitir a trámite novos proxectos extractivos dos elementos críticos mentres non se aprobe o Plano Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG).

Un panorama extractivista e prebélico

Arestora existe unha forte demanda de minerais que conteñen elementos de grande importancia económica (tecnolóxica, militar…) dos que a UE non ten garantido o subministro e cuxa demanda se prevé que aumente exponencialmente. O risco de alteracións no subministro destas substancias está aumentando polas tensións xeopolíticas e a competencia polos recursos. A UE pretende garantir o acceso a un «subministro seguro e sostido» destas materias primas fundamentais para reducir a súa dependencia económica e “salvagardar o funcionamento do mercado interior”.

Coa xustificación da COVID-19 e a guerra de Ucraína, a UE adoptou en marzo de 2024 o Regulamento de Materias Primas Fundamentais (2024/1252). Este Regulamento establece unha listaxe de materias primas fundamentais (34) que inclúe as materias primas estratéxicas (17). Para estas últimas, o Regulamento fixa obxectivos para 2030: cubrir o 10 % das necesidades anuais da UE coa extracción, o 40 % coa transformación e o 25 % coa reciclaxe. E como máximo, o 65 % do consumo anual da UE de cada materia prima estratéxica pode provir dun terceiro país. Alén disto, o Regulamento esixe aos Estados que dispoñan de Plans nacionais de exploración para maio 2025 (o español presentouse este ano e está en fase de proposta), permite á Comisión e aos Estados recoñecer un proxecto como estratéxico prara asignarlle fondos públicos, e establece prazos para os procedementos de autorización.

En marzo deste ano, a CE seleccionou 47 proxectos estratéxicos, 25 deles de extracción, que atinxen a 14 das 17 materias primas estratéxicas. Para Galiza seleccionouse o proxecto “Mina Doade” (Beariz, Ourense) de explotación de litio, promovido por “Recursos Minerales de Galicia S.A.”, e que pretende entrar en produción beneficiando minerais litio, feldespato e mica para 2028.

Galiza: falla de planificación e desregulamentación normativa

Galiza está nestes intres no foco de atención da industria mineira pola presenza no noso subsolo de minerais estratéxicos, até hai pouco considerados de escaso interese para a explotación, mais que no actual escenario se configuran como recursos chave de beneficio case inmediato.

No Estado, as mineiras atópanse cun panorama administrativo-legal moi favorábel aos seus intereses. A lexislación marco, a Lei de Minas (22/1973) e o seu Regulamento (RD 2857/1978) é filla dun contexto caracterizado por unha nula preocupación pola ordenación do territorio e a protección do patrimonio ambiental e cultural, abeirando tamén os aspectos sociais.

No ámbito galego, a vixente Lei 3/2008 da Minaría incorporaba a necesidade dunha planificación sectorial a través dun Plano Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG) para tratar de ordenar o sector e compatibilizar estes aproveitamentos cos demais usos do solo. Introduciu tamén a participación activa da sociedade na elaboración das directrices e no seguimento da política mineira, a través do Consello da Minaría de Galiza, e daba un importante protagonismo aos concellos.

Coa chegada ao PP á Xunta en 2009 comezou un sistemático demoucado legal da Lei 3/2008. Nestes 16 anos nen sequera se chegou a aprobar o PSAEG nen tampouco o Consello da Minaría de Galiza, órgano consultivo recentemente modificado na lexislación orzamentaria de 2025 para excluír as organizacións ecoloxistas e as comunidades de montes. Aliás e a través de diversas normas (leis de acompañamento, lei de «depredación»), o PP reduciu prazos de participación pública, eliminou a intervención dos concellos e ninguneou outros departamentos da administración (Medio Ambiente, Medio Rural, Patrimonio…), todo baixo a premisa de que «Galiza é unha mina».

Sen planificación previa nin control público, rexe a lei da selva

Arestora, tanto pola presenza de reservas de materias primas estratéxicas como polo déficit de planificación e as extraordinarias facilidades lexislativas e administrativas, Galiza é un dos territorios da UE máis atractivos para a explotación destes recursos. Fronte a este panorama, no que predomina un enfoque nidiamente económico e extractivista, é necesario introducir factores de corrección de carácter socio-ambiental nas políticas para a xestión das materias primas estratéxicas. Neste senso, a prevención, o control da demanda e a reciclaxe deberían ser prioritarios sobre a extracción.

Na planificación da explotación destes minerais tecnolóxicos, resulta urxente antepoñer a preservación do medio ambiente e a saúde das persoas aos intereses da minaría extractiva, marcando liñas vermellas e trasladándoas de xeito inequívoco ao marco lexislativo sectorial. Por iso o PSAEG, ademais de ordenar o sector e compatibilizar estes aproveitamentos cos demais usos do solo, debería establecer zonas de exclusión (non rexistrábeis) para o chan rústico de especial protección forestal e agropecuario, de protección de espazos naturais, augas, costas e os espazos naturais protexidos, así como zonas de reserva para os xacementos de materias primas estratéxicas. O aproveitamento destas últimas, pola súa natureza estratéxica, debería realizarse por entidades con maioría de control público logo dunha axeitada avaliación ambiental e socioeconómica, e contar cun obrigatorio aval social.

mentres non se aprobe o PSAEG, non deberían admitirse a trámite novos proxectos extractivos destes elementos. O contrario suporía consagrar o extractivismo como a única lei válida (a lei da selva dos mercados) e condenar outra volta ao noso país ao papel de colonia interna e territorio de sacrificio.



Comparte éste artículo
No hay comentarios