Ana Miranda: “Como forza pacifista nunca imos apoiar a reorientación encuberta dos fondos europeos para que fomenten a política belicista da UE”
No pleno da Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou en contra dunha resolución para a revisión do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), revisión que ten por obxectivo reorientar os fondos sen executar e destinalos á potenciar a política belicista fronte a necesidade de dar resposta a situación dos galegos e galegas.
“Dende o BNG como forza internacionalista e pacifista, nunca imos apoiar a reorientación encuberta dos fondos europeos, e menos os fondos extraordinarios sen executar, creados para loitar contra a crise da Covid19, que son para financiar programas e proxectos para a xente, e non para que vaian á defensa, a seguridade, e a guerra”, subliña a eurodeputada galega.
Pola contra, Ana Miranda salienta que a día de hoxe, do total dos fondos europeos que pode executar a Xunta de Galiza do período de 2021-2027, ten o 97,5% aínda por executar, de forma que só empregaron o 2,5% do total. “E levamos 3 anos xa de período orzamentario”, apunta a eurodeputada do BNG ao respecto.
“Que faríamos desde o BNG con eses fondo? financiar os problemas das galegas”, subliña Miranda, quen menciona programas de inserción laboral, axudas as nosas gandeiras e mariscadoras, unha rede de mobilidade e transporte galego de calidade, a renovación e mellora da eficiencia enerxética das nosas vivendas, ou a mellora das infraestruturas clave do noso país.
Zonas desfavorecidas
“No noso país, o 62% dos municipios galegos están designados como zonas desfavorecidas, de forma que os fondos poden axudar a financiar políticas activas de emprego no rural, para ter escolas, transporte escolar, e en definitiva, futuro no rural”, sinala a eurodeputada galega.
Ana Miranda destaca que o BNG votou en contra desa revisión do MRR “para que os fondos vaian onde teñen que ir, para solucionar os problemas dos galegos e galega e non haxa nin a menor escusa para reprogramalos hacia seguridade e defensa”.