López Font acusa a Diego Calvo de costear con diñeiro público «un mitin en Madrid» para tapar o caos do autobús en Galicia

O voceiro de Transportes do Grupo Parlamentario Socialista, Carlos López Font, acusou hoxe ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, de converter a Conferencia Sectorial de Transportes nun «teatrillo político» e nun «mitin con desprazamento pagado con diñeiro público».

López Font respondeu ás críticas de Calvo en Madrid sinalando que «a verdadeira tomadura de pelo é a que sofren cada día os galegos nas paradas dos autobuses da Xunta: liñas que non pasan, buses cheos que deixan xente en terra e queixas que ninguén contesta. Iso non depende de Madrid, depende del».

Para o deputado socialista, a actitude dos conselleiros do PP retrata a súa falta de interese real polos servizos públicos. «Levaban anos reclamando esta conferencia sectorial e, cando por fin se celebra, presentáronse diante dos micrófonos a cargar contra o Goberno antes de que empezara a reunión e despois dela. O veredicto xa o traían escrito da casa; non foron traballar, foron facer o número», criticou.

«Hai que ter cara: Calvo pide en Madrid o que el lle nega aos galegos»

O parlamentario socialista detívose nas peticións de Calvo sobre un rexistro público de incidencias ferroviarias e un interlocutor oficial con Renfe e Adif. «Que ninguén llo venda como unha gran reivindicación. Alguén que colla o teléfono é o mínimo de calquera servizo público serio. O grave é que a Xunta non cumpre nin ese mínimo na casa. O Consello de Contas deixou por escrito que as queixas dos usuarios do bus galego quedan sen resposta ou se despachan tarde e mal. Calvo pide en Madrid o básico que el mesmo lles nega aos galegos. Hai que ter cara», afirmou.

Nesta liña, López Font lembrou que o propio órgano fiscalizador detectou un fallo estrutural no control da Xunta sobre as empresas do transporte por estrada, ata o punto de non esixirlles o pagamento do canon ata que foron requiridos, ademais de sumar condenas xudiciais por «quedar de brazos cruzados ante o reparto do mercado entre grandes operadoras». «Moito teatrillo en Madrid e un suspenso tras doutro na casa. Cando toca defender aos galegos fronte ás concesionarias, a Xunta mira para outro lado», aseverou.

Voceiro de Génova, non conselleiro de Galicia

Para o PSOE, a actuación de Calvo na Sectorial evidencia que actuou como voceiro de partido e non como representante institucional de Galicia. «Foi a Madrid como voceiro de Génova. Nin unha soa autocrítica sobre o servizo que xestiona nin unha soa proposta para os problemas reais dos usuarios galegos. Todo o traballo de onte foi para o partido; para Galicia, nada», censurou López Font.

Fronte a isto, o deputado destacou que o Goberno de España puxo sobre a mesa cifras concretas e históricas: preto de 4.300 millóns de euros en medidas de transporte do Plan Social para o Clima (con máis de 700 millóns para mobilidade no rural) e a maior inversión en renovación de trens que se lembra.

«O Goberno leva cartos ás mesas de traballo; a Xunta leva pancartas. Se Calvo quere ser útil, o camiño xa llo marcou o Consello de Contas: controlar as concesionarias, contestar as queixas e facer que o autobús pase. O día que o faga, poderá dar leccións. Mentres tanto, que se ocupe do que é seu», conclúu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios