Martín Seco: “É urxente garantir vivenda digna e accesible en Arteixo: esiximos á Xunta máis investimento e ao concello accións concretas xa”
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosa o seu apoio firme ás novas medidas propostas polo Goberno de España para afrontar a emerxencia habitacional, nunca moción que presenta no pleno de xuño, ao tempo que propón a elaboración dun Plan de Vivenda Municipal co obxectivo de mobilizar a numerosa vivenda baleira existente no municipio e facilitar o acceso a alugueiros a prezo razoable para a veciñanza.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lembra que “a vivenda é un dereito constitucional” e unha necesidade social básica que se atopa actualmente “en situación crítica, sobre todo para a mocidade e as familias traballadoras”, debido ao encarecemento dos prezos, á escasa oferta de alugueiro e á ausencia de política pública efectiva a nivel autonómico e local.
Seco sinala que o Goberno central puxo enriba da mesa na Conferencia de Presidentes un novo Acordo Estatal de Vivenda que multiplica por tres o investimento actual, aposta por crear vivenda social de protección permanente, blindar o parque público, garantir a transparencia dos prezos e activar políticas públicas reais. Porén, denuncian que a Xunta de Galicia segue sen aplicar a Lei de Vivenda, sen aceptar os fondos estatais nin declarar zonas tensionadas onde aplicar os mecanismos de control previstos na lei.
No caso de Arteixo, a situación é especialmente grave. “Estamos nun concello con presión industrial e metropolitana, con centos de vivendas baleiras e sen acceso razoable para a veciñanza, mentres o goberno local non actúa, non aplica a Lei de Vivenda e continúa prometendo proxectos que nunca chegan”, explican o concelleiro socialista.
Por iso, o PSOE de Arteixo propón:
- Apoiar as medidas do Goberno de España, que representan un cambio estrutural e xusto na política de vivenda.
- Instar á Xunta a aumentar o seu financiamento ata un 40% no novo Plan Estatal de Vivenda e aplicar sen demoras a nova lexislación.
- Modificar a normativa galega para blindar o parque público e impedir a descualificación de vivendas con fondos públicos.
- Elaborar un estudo que analice os prezos e a capacidade económica da veciñanza, e declarar Arteixo como zona de mercado residencial tensionado se se cumpren os requisitos legais.
- Construír vivenda pública con urxencia tanto nas parcelas previstas como na Penouqueira.
- Poñer en marcha un Plan Municipal de Vivenda para mobilizar vivenda baleira, con garantías e incentivos para os propietarios e alugueiros accesibles para a cidadanía.
- Instar á Xunta a crear unha base de datos de prezos compartida co Estado e a colaborar na xestión áxil dos fondos públicos.
“O acceso á vivenda non pode depender de ideoloxías nin de cálculos partidistas. A cidadanía necesita solucións e os concellos debemos actuar coa responsabilidade que nos corresponde. En Arteixo temos capacidade para facer máis e mellor, e desde o PSOE poñemos propostas concretas enriba da mesa”, conclúe Martín Seco.