O Concello da Laracha mellora a accesibilidade na confluencia da rúa Santiago coa Avenida Fisterra

Ademais desa intervención no núcleo urbano da Laracha, o proxecto tamén contempla a mellora do pavimento e das beirarrúas nas Torres de Cillobre.

O Concello ten en fase de execución o proxecto dirixido a humanizar e mellorar a accesibilidade no punto de confluencia da rúa Santiago coa Avenida Fisterra, na capital municipal da Laracha.

A intervención consiste en continuar o trazado das beirarrúas existentes nese lugar, xa que un tramo carecía delas, para favorecer o tránsito peonil. Para iso é necesario trasladar uns metros tanto a marquesiña existente no cruce como o paso de peóns, que será elevado para aumentar a seguridade. Inclúese a correspondente sinalización horizontal e vertical.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, mantiveron hoxe un encontro co responsable da empresa adxudicataria para interesarse polo inicio das obras.

Este proxecto inclúe outra intervención que se realizará a continuación. Neste caso afecta ao lugar das Torres de Cillobre, a carón do núcleo urbano da Laracha, e tamén contempla dar continuidade ás beirarrúas existentes, renovar a superficie de rodadura dos vehículos, ordenar o espazo libre sobrante e dotar á zona cunha área verde de descanso.

O investimento superará en total os 48.000 euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios