Consello do Estudantado da USC: O día no que a Xunta matou definitivamente as Matemáticas en Galicia

O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela hoxe está de luto. Coa apertura no día de hoxe do prazo de solicitude de praza nos mestrados da USC, atopamos a ausencia na listaxe de títulos ofertados do Máster Universitario en Matemáticas. A decisión da Xunta de Galicia de impedir a oferta de novo ingreso neste mestrado, non recoñecendo tampouco a súa singularidade, consolídase no día de hoxe coa “morte das matemáticas en Galicia”.

Nos últimos días, a comunidade universitaria mobilizouse intensamente en defensa deste mestrado. A campaña de recollida de sinaturas está a piques de alcanzar as 5.000 adhesións, e o pasado mércores 11 de xuño, tivo lugar unha numerosa concentración diante do Parlamento de Galicia, coincidindo co Pleno no que os grupos da oposición (PSdeG e BNG) preguntaron directamente ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades y Formación Profesional, Román Rodríguez, sobre esta situación.

A resposta do conselleiro foi censurable: acusou ás persoas defensoras do mestrado de estar “sobreactuando”, e asegurou que existe un “compromiso” por parte da Xunta para restaurar o título a partir dunha proposta de reforma do plan de estudos. Porén, estas palabras soan baleiras e repetidas, xa que non é a primeira vez que se comprometen a unha revisión do título e todo remata sen resultados. Mentres tanto, Galicia segue a perder talento investigador e académico nas áreas fundamentais da matemática pura e aplicada.

As explicacións ofrecidas polo conselleiro foron insuficientes, contraditorias e carentes de rigor técnico, sen abordar nin xustificar por que non se concedeu a singularidade ao máster, única ferramenta que permitiría a súa continuidade sen depender do número mínimo de matriculacións.

Neste contexto, a Plataforma en Defensa do Mestrado en Matemáticas vén de reclamar a dimisión do Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, pola súa responsabilidade directa neste proceso, demanda que desde o Consello do Estudantado apoiaremos sen reservas. Consideramos que a súa actuación neste asunto mostra unha falla

de compromiso coa calidade do sistema universitario público galego, e unha neglixencia grave na protección das titulacións estratéxicas.

O 23 de xuño pasará á historia como o día en que a Xunta de Galicia asasinou academicamente as matemáticas en Galicia. E mentres os nosos representantes públicos seguen a ignorar ás universidades e ao seu estudantado, seguiremos defendendo un ensino público, digno e con futuro.

SOBRE O CONSELLO DO ESTUDANTADO DA USC

O Consello do Estudantado da USC é o órgano de participación e representación do estudantado na organización da vida universitaria.

O noso principal obxectivo é mellorar-nos a vida como estudantes. As nosas dúas misións fundamentais son defender e velar polo cumprimento dos dereitos do estudantado e da normativa e ser intermediario entre o estudantado e a administración da Universidade en asuntos que nos sexan de interese.

Comparte éste artículo
No hay comentarios