A Universidade da Coruña ofrece para o curso 2025/2026 un total de 1.616 prazas en 78 másters oficiais, dos que cinco son títulos novos

O prazo ordinario de preinscrición estará aberto desde este xoves, 26 de xuño, ata o 14 de xullo de 2025.

A Universidade da Coruña ofertará un total de 1.616 prazas distribuídas en 78 másters oficiais durante o curso académico 2025/2026, consolidando unha oferta formativa diversa e especializada, pensada para responder ás demandas actuais de cualificación profesional e académica.

A nova programación académica incorpora seis másters oficiais como novidade para o vindeiro curso, ampliando a variedade de áreas de coñecemento e adaptándose aos retos do contexto social e económico actual. Trátase dos másters universitarios en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva; Realidade Estendida; Economía Circular;Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria; e Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua. Estas novas titulacións responden á demanda crecente de especialización en ámbitos estratéxicos como a saúde e o deporte, o ensino de linguas, a transformación dixital ou a sustentabilidade.

Neste contexto, o Máster en Ciencia do Exercicio está orientado á preparación física de alto nivel e á rehabilitación deportiva, o de Realidade Estendida céntrase en tecnoloxías inmersivas como realidade virtual e aumentada e o deEconomía Circular aborda a transición cara a modelos produtivos sostibles.Pola súa banda, o Máster de Atención Sociosanitaria ten como obxectivoformar especialistas en modelos de coidado adaptados á cronicidade, mentres que o de

Español como Lingua Estranxeira busca formar docentes en contextos internacionais.

Outras das novidades para o vindeiro curso afectan a dúas titulacións impartidas na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), no Campus Industrial de Ferrol. En concreto, ao Máster en Teconoloxía Téxtil e Moda Sostible, que ofrecerá 10 das 25 prazas que oferta na modalidade virtual, e ao Máster en Enxeñaría Naval e Oceánica, que inclúe unha mención dualcoa posibilidade de cursar parte da docencia nunha empresa.

Prazos

O prazo ordinario de preinscrición nos másters da UDC para o curso 2025/2026 ábrese este xoves, 26 de xuño, e estará vixente ata o 14 de xullo; agás para o estudantado procedente de titulacións de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que tivo que preinscribirse no prazo anticipado (entre febreiro e maio) e do que se publicarán xa mañá as listaxes definitivas de admisións.

Así, no prazo que abre este xoves poderá presentarse o estudantado con títulos universitarios oficiais do EEES ou títulos homologados que dean acceso a estudos de máster que non tivesen solicitado a admisión no prazo anticipado.

Admisións e matrícula

23 de xullo publicarase a lista provisional de persoas admitidas, abríndose un prazo de reclamación ata o día 25 de xullo. A lista definitiva será publicada o 30 de xullo.

O prazo de matrícula para as persoas admitidas será do 1 ao 5 de agosto, e tanto a preinscrición como a matrícula deberán realizarse en liña, a través da páxina web da UDC (www.udc.gal) e do portal académico da universidade, respectivamente.

Prazo extraordinario

Ademais do prazo ordinario, a UDC establece tamén un prazo extraordinario, que se abrirá do 25 de agosto ao 7 de setembro, destinado a aquelas persoas tituladas que non formalizaran a súa preinscrición con anterioridade e a aquelas que, sen estar aínda tituladas, teñan só pendente de superar o Traballo Fin de Grao e un máximo de 9 ECTS.

Con esta ampla e actualizada oferta de másters oficiais, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso cunha formación de posgrao pública, de calidade e conectada coas necesidades sociais, económicas e profesionais do presente e do futuro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios