A Cátedra permitirá desenvolver un amplo programa de actuacións dirixidas a reforzar a formación, a divulgación e a investigación no ámbito tecnolóxico.
A Universidade da Coruña (UDC) e a compañía Denodo veñen de selar unha alianza pola que crean a Cátedra Denodo–UDC de Enxañería de Datos, IA e Innovación Tecnolóxica. Este novo instrumento de colaboración entre empresa e academia está destinado a impulsar a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento nos ámbitos máis avanzados da tecnoloxía.
O acordo, asinado esta mañá polo reitor da UDC, Ricardo Cao e o CEO de Denodo, Ángel Viña, recolle como principais obxectivos da cátedra: a promoción da excelencia formativa dos futuros profesionais da Enxeñaría Informática, especialmente en Enxeñaría de Datos e Intelixencia Artificial; o impulso da investigación aplicada e a innovación tecnolóxica; o fomento da transferencia de coñecemento á sociedade e ás empresas e o intercambio de sinerxías entre o ámbito académico e o empresarial.
En palabras de Ricardo Cao, reitor da UDC, este acordo supón “unha excelente oportunidade para avanzar en proxectos de transferencia relacionados coa xestión de datos e a IA, especialmente cando falamos dunha colaboración cunha compañía que ten os seus orixes na UDC”. “Hoxe – subliñou Cao -, Denodo é unha empresa global, pero o seu nacemento está aquí, na UDC. Desde A Coruña para o mundo. Este camiño demostra que a universidade pública pode ser a mellor incubadora de ideas, empresas e persoas con capacidade de cambio”.
Denodo, abundou, “é un exemplo de como o talento local, formado na Universidade da Coruña, pode transformarse nun proxecto empresarial de alcance global. Por iso estamos convencidos de que esta colaboración, no eido formativo, investigador e de transferencia, será moi positiva para ambas partes”.
Unha homenaxe a un legado tecnolóxico
Como aspecto destacado, a Cátedra establecerá un premio especial en honra a Paula Montoto Castelao, quen foi docente da UDC e unha das primeiras empregadas de Denodo, finada a principios de 2025.
O premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) en Informática con Aplicacións Empresariais creado no marco da Cátedra nace como unha homenaxe perdurable a Paula Montoto, cuxa traxectoria de 25 anos en Denodo foi fundamental para o éxito da compañía. Como líder clave en I+D informando directamente ao CTO, a excelencia técnica de Paula está integrada no núcleo da Plataforma Denodo. O seu dobre papel como líder na industria e profesora da UDC durante máis de dúas décadas permitiulle ser mentora de máis de 20 promocións de enxeñeiros, facendo que o seu impacto nos sectores tecnolóxicos galego e global sexa incalculable.
Ademais do premio conmemorativo, a Cátedra impulsará un amplo programa que pivota en catro eixos: formación, apoio, experiencia e investigación e transferencia.
No eido da formación, colaborarase na participación en másters e outros programas de posgrao, así como a organización de seminarios, conferencias, obradoiros e xornadas científicas. Como apoio á investigación e iniciativas innovadoras, patrocinaranse bolsas pre e posdoutorais e premios.
Co obxectivo de facilitar a experiencia laboral, promoveranse prácticas curriculares e extracurriculares en contornas tecnolóxicas e traballarase no impulso de publicacións e actividades de divulgación científica e cultural.
Xa por último, na parte de investigación e transferencia, desenvolveranse liñas de traballo conxuntas e colaboración para captar proxectos a nivel galego, estatal e europeo. Prestarase apoio á realización de teses de doutoramento e traballos de fin de grao/máster.
Ángel Viña, CEO de Denodo, destacou que: «Regresar ás nosas raíces para investir na próxima xeración de talento é un paso natural para Denodo. A través desta Cátedra, queremos asegurar que o estudantado teña acceso ás ferramentas máis avanzadas e ao coñecemento práctico en IA e Enxeñaría de Datos. O noso obxectivo é pechar a fenda entre a excelencia académica e as necesidades cambiantes da industria tecnolóxica global, fomentando unha innovación que comeza aquí mesmo, na Coruña.»
«Ademais, o premio Profesora Montoto serve como tributo ao seu legado, celebrando o seu dobre papel como educadora e pioneira na industria tecnolóxica, e garantindo que o seu compromiso coa innovación siga inspirando ás novas xeracións.»
Dotación e dirección
A Cátedra, cunha duración inicial de catro anos, contará cunha dotación anual de 20.000 euros, achegada por Denodo e xestionada a través da Fundación CITIC. Estará dirixida por José Losada, profesor de Ciencias da Computación na Facultade de Informática da UDC, onde imparte docencia nos graos Enxeñaría Informática e no de Ciencia e Enxeñaría de Datos; e investigador do CITIC.
Denodo é líder mundial en xestión de datos e pioneiro na virtualización de datos. Fundada en 1999 polo seu CEO, Ángel Viña, a raíz das súas investigacións na Universidade da Coruña, a compañía transformou a forma na que as empresas integran, xestionan e distribúen os seus datos. Mediante un enfoque lóxico en lugar da replicación física, a Plataforma Denodo permite o acceso en tempo real a fontes de datos dispares —desde datos transaccionais e en streaming ata información non estruturada— en contornas híbridas e multicloud.
Con sede central en Silicon Valley e na Coruña, e oficinas en máis de 20 países, Denodo presta servizo a máis de 500 clientes corporativos, entre os que se inclúen numerosas empresas das listas Fortune 500 e Forbes Global 2000. Cunha taxa de retención de clientes do 95% e un sólido ecosistema de máis de 200 socios tecnolóxicos, Denodo segue liderando a innovación no sector, tras integrar recentemente IA xenerativa e consultas en linguaxe natural na súa plataforma. Apoiada por importantes investimentos de HGGC e TPG, Denodo mantén o seu compromiso coas súas raíces académicas e a súa misión de proporcionar datos listos para a IA («AI-ready») para a empresa moderna.