No marco deste proxecto a UDC desenvolveu un visor cartográfico interactivo dirixido a fomentar a implicación cidadá na planificación territorial sostible na Eurorrexión.
O profesor e coordinador do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica (cartoLAB) da Universidade da Coruña, Alberto Varela García, lidera como investigador principal dun multidisciplinar equipo da UDC o proxecto europeo Green Gap. Trátase dunha iniciativa cofinanciada a través de fondos FEDER, no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP),que busca reforzar o papel da administración local na implementación e mellora da infraestrutura verde da Eurorrexión, como estratexia conxunta para reforzar a protección ambiental e a resiliencia fronte ao cambio climático nesta área transfronteiriza.
No marco desta iniciativa, a UDC desenvolveu un visor cartográfico interactivo dirixido a facilitar aos concellos o seguimento e avaliación da implementacióndas súas Estratexias Locais de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático (ELIVACC). Seleccionando calquera concello da Eurorrexión, pódese acceder á información xeográfica de relevancia (en parte creado no cartoLABdentro deste proxecto, como por exemplo os mapas de térmicos da superficie), ou participar na planificación territorial sostible da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante unha enquisa aberta á participación da cidadanía.
A través dela, calquera persoa pode propoñer ideas e sinalar no mapa lugares de interese ambiental sobre os que establecer accións de protección, de restauración ou mellora, co obxectivo de contribuír ao deseño dunha estratexia que promova a protección do medio natural e o reforzo da resiliencia territorial.
Para o profesor Alberto Varela “a planificación territorial debe contar con procesos participativos que faciliten á poboación poder indicar sobre un mapa lugares de interese” que deberían ser tidos en conta nas accións da administración competente. Desde o seu grupo de investigación levan anos desenvolvendo tecnoloxías web xeoparticipativas que avanzan nesa dirección.
Unha das accións destacadas en Galicia do proxecto Green Gap é a elaboración da Estratexia Provincial de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático na provincia de Ourense, liderada pola Deputación Provinciale actualmente en proceso de redacción. Neste contexto, a participación cidadá nos concellos ourensáns resulta esencial para incorporar a visión e as necesidades da comunidade local no deseño de solucións sostibles, polo que é especialmente importante obter o maior número de achegas posible neste momento.
O visor, dispoñible a través da ligazón https://emapic.es/custom/greengap,representa unha ferramenta clave para promover a colaboración entre institucións públicas e a sociedade civil, e avanza cara a un desenvolvemento máis inclusivo, sostible e adaptado ás necesidades ambientais actuais.
Entidades Socias
Green Gap conta con once socios, entre entidades científicas e administracións: o Instituto de Estudos do Territorio como entidade líder do proxecto, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Universidade da Coruña, en España; e a Agência Portuguesa do Ambiente, a Cámara Municipal de Guimarães, a Cámara Municipal de Paredes de Coura, a Fundación Ceer, o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas, o Laboratório da Paisagem, e a Universidade de Minho, en Portugal.