Trátase de 10 Grupos de Referencia Competitiva e 9 de Grupos con Potencial de Crecemento, aos que se suman 8 na modalidade de Persoal Investigador con Traxectoria Excelente.
A Universidade da Coruña vén de acadar máis de 4 millóns de euros na convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas convocada pola Xunta de Galicia, unha cifra que amosa un incremento na captación destes fondos por parte da UDC un 37% con respecto á convocatoria anterior.
Esta liña de axudas céntrase na consolidación e estruturación de unidades de investigación nas universidades públicas de Galicia, nas súas tres modalidades: Grupos de Referencia Competitiva, Grupos con Potencial de Crecemento e Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.
Nesta edición obtiveron financiamento un total de 10 Grupos de Referencia Competitiva (GRC) cun apoio de 3,28 millóns de euros; nove na modalidade de Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), que recibirán 0,85 millóns de euros. Finalmente, no caso dos Proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, oito foron as candidaturas que obtiveron financiamento para os seus proxectos, cun total de 795.000 euros.
Nos Grupos de Referencia competitiva, foron seleccionados: o ESOMI (Equipo de Investigación Sociedades en Movemento), adscrito ao CISPAC; NEUROcom (Neurociencia e control motor), QUIMOLMAT (Química Molecular e de Materiais) e NANOSEL4BIO (Nanociencia e autoensamblaxe molecular aplicadas á bioloxía e á medicina), do CICA; GEAMA (Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente), do CITEEC; CTC(Ciencia e Técnica Cibernética), LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial), M2NICA (Modelos Matemáticos e Numéricos en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas) e RNASA-IMEDIR (Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos – Imaxe Médica e Diagnóstico Radiolóxico) do CITIC; e GRINCAR (Grupo de Investigación Cardiovascular), do INIBIC.
No caso dos Grupos de Potencial Crecemento, as candidaturas que obtiveron financiamento foron CADIE(Cuestións actuais de Dereito Internacional e Europeo); FERROTRANS (Grupo de Ferrocarrís e Transportes) do CITEEC; ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega); PROTERM (Propiedades térmicas e reolóxicas de materiais), do CITENI; ACOM (Grupo de aprendizaxe e control do movemento humano en actividade física e deporte); GRIPA (Grupo de investigación persoa–ambiente), do CITEEC; DTSSECOMP(Dereito do Traballo e Seguridade Social, Español e Comparado); GEA (Grupo de Estruturas Arquitectónicas) e FCR (Filosofía, Constitución e Racionalidade).
Polo que respecta Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C), dirixidos a investigadores de alto impacto que aínda non lideran grupos, concedéronse un total de oito: Antonio Álvarez Naveira, Patricia Taladriz Blanco e Blanca Moncunill Solé, do CITEEC; Natalia da Silva Lima, Jonathan Quison e Jessica Rodríguez Villar, do CICA; Ana Ballesteros Pena, do CISPAC e Alva Martínez Teixeiro, de Filoloxía.