A eurodeputada do BNG presenta unha pregunta dirixida á CE na que a insta a realizar unha investigación propia.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse de novo á Comisión Europea sobre a existencia de residuos radioactivos fronte as costas galegas debido ao vertido de máis de 220.000 bidóns que contiñan material radioactivo entre os anos 1940 e 1985. “Como eurodeputada do BNG dirixinme hoxe á Comisión Europea para lembrarlle que non fixo o seu traballo respecto á investigación dos residuos radioactivos da foxa atlántica”, sinala.
A eurodeputada galega destaca que esta xa é a cuarta pregunta que dirixe á CEsobre este tema, e nela “voltamos plantearlle á Comisión Europea que debe actuar, que debe haber unha investigación europea”. Segundo destaca, “non pode ser que Galiza recibira o lixo europeo e que a día de hoxe a Unión Europea non tomara ningunha medida”.
No documento remitido á Comisión Europea Ana Miranda lembra que a propia CErecoñeceu a existencia de residuos nucleares fronte á costa de Galicia, aínda que recoñeceu que carece de estudos actualizados sobre o seu impacto e pospuxo repetidamente a vixilancia da radioactividade mariña nas augas de Galicia.Ademais, apunta que nos últimos días coñeceuse o inicio dunha expedición oceanográfica francesa que xa localizou máis de mil bidóns radioactivos fronte á costa de Galiza.
Vixilancia
“Tendo en conta que a Unión Europea non cumpriu co seu traballo despois de que a Comisión incluíse a vixilancia da radioactividade mariña fronte á costa de Galiza no programa de misións de verificación de 2020 ao abeiro do artigo 35, que pasos ten previsto dar neste sentido? Realizará o seu propio estudo sobre o estado dos restos radioactivos depositados fronte á costa de Galicia?”, subliña a eurodeputada galega na pregunta dirixida á Comisión Europea.
Precisamente na resposta a unhas das preguntas remitidas, a Comisión sinalaba que as verificacións se levan a cabo periodicamente en virtude do artigo 35 do Tratado Euratom, segundo un programa continuado que los servizos da Comisión actualizan periodicamente. Porén, ao mesmo tempo, a Comisión recoñeceu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003.