A proposta inclúe medidas estruturais dirixidas tanto á poboación xeral como aos grupos de risco, como campañas de sensibilización, garantir o acceso equitativo a probas diagnósticas e apoio ás persoas afectadas.
A Enfermidade Renal Crónica (ERC) converteuse nun problema de saúde pública de primeira orde en Galicia, cunha incidencia crecente que xa afecta aproximada-mente a un de cada sete cidadáns. Na actualidade, máis de 4.000 persoas na comunidade galega necesitan tratamento renal substitutivo, xa sexa mediante diálise ou transplante, sendo unha cifra superior á media nacional.
Ante esta realidade, e dado o carácter silencioso e progresivo da enfermidade, o Par-lamento de Galicia emitiu unha declaración institucional baixo o lema “Coñece os teus riles, coida a túa vida”, impulsada por Otsuka Pharmaceutical, xunto coa Sociedade Galega de Nefroloxía (SGAN), a Federación de Asociacións para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Galicia (Alcer Galicia) e a Asociación de Lupus en Galicia (AGAL), que reforza o seu compromiso coa prevención, a detección precoz e o tratamento integral desta doenza.
“Esta declaración institucional do Parlamento de Galicia é moi ambiciosa e ilusionante, xa que aborda de maneira integral a atención ás persoas con enfermidade renal nos ámbitos de prevención e concienciación, a detección temperá e o tratamento precoz, a investigación e innovación en Nefroloxía e o apoio á persoa enferma, a partir dunha colaboración institucional indispensable entre entidades públicas e institucións sociais”, afirmou Rafael Rodríguez, presidente da Federación de Asociacións para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Galicia (Alcer Galicia).
Tamén incidiu nisto José Manuel Rigueiro, director xeral de Otsuka Pharmaceutical España e Portugal, quen puxo de relevancia a importancia da “colaboración público-privada para facer fronte aos grandes retos de saúde pública, e a Enfermidade Renal Crónica (ERC) é, sen dúbida, un deles. Participar no proxecto ‘Coñece os teus riles, coida a túa vida’ permítenos contribuír activamente a unha causa que combina prevención, diagnóstico temperán, innovación terapéutica e compromiso social. Como empresa comprometida coa investigación biomédica e a mellora continua dos tratamentos, apoiamos plenamente este enfoque integral. E aplaudimos o liderado do Parlamento de Galicia nesta materia, así como a implicación de profesionais sanitarios, asociacións de pacientes e o resto de axentes implicados para avanzar xuntos cara a un futuro cunha mellor saúde renal para todos.”
A proposta impulsada polo Parlamento inclúe medidas estruturais dirixidas tanto á poboación xeral como aos grupos de risco. Así, promoveranse campañas anuais de sensibilización, especialmente en torno ao Día Mundial do Ril, e recomendarase realizar análises de sangue e ouriños —incluíndo albuminuria e filtrado glomerular— a persoas con hipertensión, diabetes, obesidade, antecedentes familiares ou maiores de 65 anos, entre outros.
“A ERC é unha enfermidade que habitualmente cursa de forma asintomática polo que o diagnóstico precoz é fundamental. O cribado da enfermidade é esencial naquelas persoas con factores de risco (maiores de 65 anos, diabetes, hipertensión arterial, enfermidade cardiovascular previa, consumo crónico de nefrotóxicos como os antiinflamatorios e con antecedentes familiares de enfermidade renal), polo que se debe fomentar a súa realización, xa que unha simple análise de sangue e ouriños é suficiente para realizar este diagnóstico”, indicou o Dr. Jesús Calviño, presidente da Sociedade Galega de Nefroloxía (SGAN).
Pola súa banda, Nuria Carballeda, presidenta da Asociación de Lupus en Galicia (AGAL), expuxo que “cando falamos de enfermidade renal crónica, sabemos en AGAL e as persoas que padecen lupus, que estamos a falar dunha das máis graves complicacións que se poden presentar nesta enfermidade. O lupus, como enfermi-dade sistémica, pode afectar a calquera órgano ou tecido, e xustamente o ril, é afec-tado en case o 47% dos casos con lupus, en cuxo caso falamos da nefrite lúpica. É tal a gravidade que, de non proceder a administrar o tratamento indicado, se corre o risco de perda do órgano, coa consecuente complicación para a vida do paciente. Isto fai tan importante a detección precoz para definir de forma rápida e precisa o tratamento adecuado.”
Cooperación, chamamento á sociedade e aposta pola investigación
A través desta declaración institucional, o Parlamento de Galicia fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega —profesionais da saúde, institucións públicas, entidades privadas e cidadanía en xeral— para unir esforzos na loita contra a enfermidade renal crónica (ERC).
“O coñecemento e control dos factores clásicos de risco (hipertensión e diabetes) da enfermidade renal crónica, ademais do desenvolvemento de fármacos específicos para o control destes factores e para evitar a progresión da enfermidade, resultou un importante beneficio para os pacientes. Para aquelas persoas que a pesar diso progresan e precisan tratamento renal substitutivo, o transplante renal e a diálise domiciliaria (diálise peritoneal e hemodiálise domiciliaria) proporcionan as mellores expectativas e de calidade de vida. O acceso e elección destes tratamentos por parte da poboación galega creceu progresivamente pero o reto fundamental debe recaer na prevención onde o diagnóstico precoz segue sendo clave”, recalcou o Dr. Jesús Calviño. O reforzo do papel da Nefroloxía e da Atención Primaria no sistema sanitario é clave para alcanzar estes obxectivos.
Durante os últimos anos, aumentou lentamente a concienciación da poboación respecto á súa saúde renal. Neste sentido, Nuria Carballeda explicou que “hoxe en día é máis fácil acceder á información, ler en RRSS sobre testemuños doutras persoas afectadas, etc. Calquera paciente crónico, e en concreto con ERC, debe estar ao día de todas as novidades sobre a enfermidade, sobre novos tratamentos, estudos, etc. que lle pode axudar a mellorar a calidade de vida. Ser crónico, significa pasar o resto da túa vida cunha patoloxía e por este motivo é importante estar ao día en avances. É por iso que é moi importante dispoñer da información correcta.”
Plan de Atención Integral para pacientes con ERC
A declaración tamén subliña a necesidade de fortalecer a colaboración con asociacións de pacientes e de impulsar a investigación e innovación en Nefroloxía, desenvolvendo ferramentas como o Plan de Atención Integral (PAI) para pacientes con enfermidade renal crónica (ERC).
Neste sentido, Rafael Rodríguez incidiu en que “a posta en marcha do PAI é fundamental para converter intencións en accións concretas. As medidas propostas non só mellorarán a calidade de vida das persoas con ERC senón que, a medio e longo prazo, xerarán aforros significativos ao reducir e pospoñer a necesidade de tratamentos renais substitutivos custosos, ademais de promover a participación social e laboral das persoas con ERC, o que redundará nunha mellora en todos os ámbitos. Por iso, o PAI da enfermidade renal en Galicia debe contemplar o papel activo dos pacientes e o seu círculo social próximo no manexo da enfermidade e no plano sociolaboral, xa que a educación e a capacitación para o autocoidado son ferramentas poderosas para mellorar a adherencia ao tratamento e a calidade de vida.”
En definitiva, con esta declaración pola enfermidade renal crónica (ERC) e baixo o lema “Coñece os teus riles, coida a túa vida”, o Parlamento reafirma o seu compromiso cunha causa que interpela a todos e que esixe acción colectiva e sostida no tempo.