Os populares preguntarán no pleno se o goberno local vai a sinalizar esta incidencia e cando o vai a facer xa que as temperaturas comezan a ser altas e os monfortinos precisan de zonas seguras para o tempo libre e combater a calor.
Os concelleiros do PP de Monforte piden ao goberno de José Tomé que sinalice como zona non apta para o baño Ribas altas, despois de que á Consellería de Sanidade non lle quedase máis remedio que “non autorizar” este espazo público para o baño por non reunir as condicións necesarias para a súa autorización.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “xa levamos varios anos” pedindo ao goberno de José Tomé que “tome as medidas necesarias e implique ás administracións que sexa preciso” para poder reverter o estado da auga do Cabe e que Monforte “conte con esta zona de baño público autorizada”.
Os concelleiros populares preguntarán no vindeiro pleno se o goberno monfortino ten pensado sinalizar esta incidencia e, sobre todo, cando o van a facer dado que as temperaturas xa comezan a ser altas e os monfortinos precisan de zonas de ocio para o tempo libre e poder combater a calor.
Ademais, insisten na necesidade de que o goberno local “se tome en serio” o saneamento xa que “non pode ser que se vertan augas de todo tipo ao río e non podamos gozar deste espazo como se facía fai décadas pola falta de saneamento”.