48 horas. Por @DulceCorcu

As que abondaron para que cinco mulleres e un neno, fillo dunha delas e do seu verdugo, fosen asasinadas. Ningunha das cinco abría os telexornais, enfrascados niso de a ver quen a ten máis grande nun cumio obsceno de gobernantes mundiais que, por suposto, tiñan a cabeza noutros asuntos onde as vítimas do machismo non son unha prioridade. Nin sequera merecentes de atención ou preocupación. Por iso  mesmo son incesantes, porque matan mulleres ou cativos únicamente, apenas provoca alarma social e pese a que só no mes de xuño aínda sen rematar, levemos nove asasinatos -oito mulleres e un neno- a vida continúa sen que nada se altere. 

Alejandra e o seu fillo Samuel que non chegou a cumprir os tres anos era dobre vítima pola súa condición de estranxeira, temerosa de ser deportada en caso de separación. Pero tamén valente cando quixo poñer fin a unha vida de maltrato. Non puido contalo. Nin ela nin o seu fillo, acoitelados ata a morte nun final tantas veces repetido. Ramy aparecía nunha cova despois dunha semana desaparecida, tras comunicarlle a súa parella que quería separarse e con quen ten unha filla de cinco anos, orfa para sempre. Susana era atopada, despois de non saber dela desde o mes de maio nun coletivo do lixo. Como se non fose nada, deshumanizada incluso xa sen vida. Marisa foi arrastrada fóra da súa vivenda co coitelo cravado no peito, unha escea que vemos de cotío nas películas de terror, pero que o machismo convirte tamén en alto freconte na vida real das mulleres. 

Foron corenta e oito horas de violencia machista nun verán que se tingue de negro, unha vez máis. E unha vez máis tamén, con todo mundo mirando cara outro lado, demasiado ocupados en vivir o que elas, Susana, Alejandra, Marisa, Ramy e tantas outras sen nome coñecido non poderán porque combater o machismo non é urxente para os poderes fácticos. As mulleres, novamente, estamos soas ante a barbarie e os nosos asasinos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios