A exposición sobre as mulleres caboverdianas “Coidados na diáspora” viaxa a Francia, onde estará exposta ata o 4 de xullo

A mostra enmárcase nun proxecto de investigación homónimo no que participan cinco investigadoras da Universidade da Coruña en colaboración con dúas docentes das outras universidades galegas, agrupadas baixo o nome de “Mulleres á Fronte”.

 “Coidados na diáspora. Unha etnografía fotográfica de mulleres caboverdianas en España” é un proxecto de investigación financiado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade que coordina a profesora da Universidade da Coruña Keina Espiñeira González, e no que participan tamén as investigadoras da UDC Antía Pérez Caramés, Belén Fernández Suárez, Estefanía Tarrío Maneiro e Sarah Díaz Lamas; xunto coa profesora da Universidade de Santiago de Compostela Luzia Oca e a docente da Universidade de Vigo Iria Vázquez Silva; todas elas agrupadas no colectivo “Mulleres á Fronte”.

No marco deste estudo realizouse unha exposición homónima, que tras pasar polas cidades galegas da Coruña, Ourense e Lugo, así como pola leonesa de Bembibre, chega agora á Université de Poitiers, en Francia, onde poderá visitarse ata o vindeiro 4 de xullo de 2025. Unha mostra comisariada porMulleres á Fronte, que se expón no vestíbulo MSHS (edificio A5) do Campus de Poitiers da universidade francesa, de 9:00 a 17:00 horas. 

“Coidados na diáspora” reúne unha mostra dos álbums familiares e as fotografías tomadas por mulleres caboverdianas e descendentes residentes en tres das comunidades de maior tradición migratoria desde Cabo Verde en España: Bembrive (Castela León), Burela (Galicia) e Zaragoza (Aragón). A mostra constrúe unha autoetnografía visual a partir de autorretratos e escenas cotiás realizadas polas mulleres caboverdianas en España. 

A través de obradoiros participativos, a exposición pon en valor as múltiples dimensións do traballo de coidados (care) nas súas vidas migrantes,destacando as redes comunitarias e as estratexias laborais que sosteñen as súas familias e comunidades.

O obxectivo principal deste proxecto é reivindicar a voz das mulleres caboverdianas e visibilizar as estratexias de coidados que desenvolven na diáspora.

Comparte éste artículo
No hay comentarios