Armand Hernández, investigador no Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, participa nesta investigación internacional.
Unha recente investigación publicada hoxe na prestixiosa revista Nature Communications, titulada “Consistentresponse of European summers to the latitudinal temperature gradient over theHolocene”, revela que a tendencia de Europa cara a veráns máis longos e intensos reflicte condicións ocorridas hai 6.000 anos, cando causas naturais estenderon a estación cálida ata case 200 días. Hoxe, eses mesmos mecanismos están a ser intensificados polo quecemento global, o que podería engadir ata 40 días adicionais de verán en 2100, con profundas consecuencias para a agricultura, os ecosistemas e a vida cotiá no continente.
Un equipo internacional de científicos liderado pola Dra. Celia Martín-Puertas, da Royal Holloway University of London, e no que participa o investigador do CICA Armand Hernández, recurriu a un arquivo xeolóxico da historia climática: antigas capas de lama acumuladas no fondo de lagos europeos. Estes sedimentos, que se depositan de forma estacional, actúan como “calendarios climáticos naturais” e rexistran como cambiaron os veráns e os invernos durante os últimos 10.000 anos.
Os resultados mostran que hai uns 6.000 anos Europa viviu os veráns máis longos dos últimos milenios —de case 200 días cada ano—, unha duración comparable ás estacións cálidas máis extremas da actualidade. Isto debeuse a un quecemento natural do Ártico, que á súa vez provocou cambios na circulación atmosférica que favoreceron un clima máis estival. Hoxe, eses mesmos procesos están a ser amplificados polo cambio climático, empuxando Europa cara a un futuro con veráns máis longos e intensos.
O estudo pon o foco nun aspecto esencial da física atmosférica: o gradiente latitudinal de temperatura, é dicir, a diferenza de temperatura entre o Ártico e o ecuador. Este gradiente impulsa os ventos do Atlántico cara a Europa, que determinan as condicións climáticas no continente. Porén, como o Ártico se está a quentar case catro veces máis rápido ca media global, esa diferenza debilítase, as correntes de aire ralentízanse e vólvense máis erráticas. O resultado: cicloxénese e patróns de verán máis persistentes, ondas de calor e secas máis longas, seguidas por eventos de precipitación extremos na transición cara ao outono.
“Cando o contraste de temperatura entre o Ártico e as latitudes medias se debilita, o verán europeo expándese e amplifícanse os eventos extremos tanto de temperatura como de precipitación”, explica o Dr. Armand Hernández, investigador do grupo GRICA do CICA da Universidade da Coruña e un dos autores do estudo. “Os nosos achados demostran que non se trata dun fenómeno novo, senón dun comportamento recorrente do sistema climático terrestre. O diferente agora é a velocidade e intensidade do cambio.”
Segundo o estudo, unha diminución de 1 °C no gradiente de temperatura entre o ecuador e o Polo Norte podería alongar o verán en uns seis días. Se as emisións de gases de efecto invernadoiro continúan ao ritmo actual, Europa podería experimentar ata 42 días adicionais de verán en 2100, só como resultado do quecemento do Ártico. Ademais, factores como os cambios nas emisións industriais de aerosois e os mecanismos de retroalimentación do sistema climático poderían intensificar aínda máis esta tendencia.
Un verán máis longo podería alterar profundamente os ecosistemas, a agricultura e a saúde pública. Ao principio, as tempadas de cultivo máis extensas poderían beneficiar algunhas rexións do norte de Europa, pero o calor extremo e a escaseza de auga poderían reverter rapidamente eses beneficios. Sería como se as bandas climáticas se expandisen cara ao norte e España tendese a ter un clima máis parecido ao do Sahara. Os ecosistemas adaptados a condicións máis frías e húmidas veranse baixo presión, mentres que os riscos de incendios forestais, secas e ondas de calor aumentarán.
Para este equipo científico, os rexistros dos antigos lagos son moito máis ca unha xanela ao pasado: son unha advertencia sobre o futuro.
“Os sedimentos mostran que o clima da Terra sempre respondeu aos cambios atmosféricos, pero ese ritmo está a verse alterado polo quecemento global, empurrando os límites naturais cunha rapidez sen precedentes cara a un futuro máis incerto”, sinala a Dra. Celia Martín-Puertas, responsable do estudo.
Os achados, conclúen os investigadores, subliñan a profunda conexión entre o clima global e as condicións meteorolóxicas de Europa, e mostran como comprender o pasado pode axudarnos a afrontar os desafíos dun planeta en rápida transformación.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.