A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” convoca sesenta estudantes procedentes dunha vintena de países de Europa, Asia e América

A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” reunirá este mes de xullo en Santiago de Compostela sesenta estudantes procedentes de máis dunha vintena de países de Europa, América e Asia. Organizada pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a cita será inaugurada o xoves 3 de xullo (12:30 horas) na Facultade de Filosofía. O centro acollerá o groso duncalendario de tres semanas que inclúe, alén de clases teóricas e prácticas de galego, conferencias e obradoiros de música tradicional, entre outras propostas.

A académica María López-Sández e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, asumen a dirección e a secretaría desta nova edición, que se desenvolve co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O programa contará coa participación de alumnas e alumnos internacionais procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México. Tamén formarán parte da nova promoción dos cursoestudantes procedentes doutras comunidades autónomas de España.

O calendario de conferencias incidirá en dúas conmemoracións destacadas deste 2025: as Letras Galegas das cantareiras e a poesía popular oral e o Ano Castelao. Sobre o intelectual rianxeiro falará Miguel Anxo Seixas Seoane, biógrafo do autor e presidente da Fundación Castelao, o martes 8 de xullo. O xoves 10 de xullo o académico Antón Santamarina, colaborador da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth na compilación do Cancioneiro Popular Galego, ofrecerá un relatorio sobre a historia dos cantigueiros. O martes 15 será a quenda da escritora Paula Carballeira, recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática, que achegará unha ollada á oralidade na literatura galega do século XXI; e o xoves 17 o escritor e investigador da mitoloxía e da literatura de tradición oral Antonio Reigosa afondará no tesouro que constitúe este herdo. A últimapalestra será a da académica de número Ana Boullón. A coordinadora da Guía de nomes galegos e do proxecto do Dicionario de apelidos galegos trazará un percorrido pola historia e o presente dos antropónimos e dos nomes de familia en Galicia.

As actividades arredor da música galega afondarán tamén na celebración das Letras Galegas 2025. O alumnado escoitará a antropóloga Beatriz Busto (7 de xullo), autora do volume As pandeireteiras de Mens; gozará dun concerto interactivo da cantareira María Faltri (9 de xullo) e protagonizará unha foliada na Igrexa da Universidade (14 de xullo).

Unha recepción no Concello de Santiago de Compostela (8 de xullo), unha excursión áBarbanza (12 de xullo), un encontro de confraternidade no parque de Bonaval (16 de xullo) e unha charla sobre o proxecto Neofalantes (23 de xullo) son parte tamén dunha programación que contará ademais coa presentación de Son galego, de Antonio JoséFrancisco Rey. Alumno dos Cursos nas edicións de 2023 e 2024, o autor plasmou neste libro unha declaración de amor a Galicia elaborada ao redor das lembranzas do seu avó, quen emigrou á Arxentina en 1927.

Comparte éste artículo
No hay comentarios