Rueda destaca o éxito do ‘fermosismo’ na mellora da paisaxe e a identidade rural

Destaca a aposta do Goberno galego por unha política pública que dignifica o territorio, reforza o sentimento de pertenza e contribúe a crear unha nova cultura de coidado e respecto da paisaxe

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a aldea de Puxedo, no concello de Lobios (Ourense), onde puxo en valor o impacto positivo que están a ter as axudas impulsadas polo Goberno galego desde o ano 2021 para corrixir impactos paisaxísticos e mellorar a integración estética no territorio de diferentes bens inmobles e outros elementos etnográficos: ”Este sitio é para desfrutar tranquilamente, para manter as esencias e para facer cousas tan bonitas como as que hoxe puidemos ver”, destacou.

Rueda salientou que esta aposta polo fermosismo representa unha nova maneira de mirar e de actuar que busca a harmonía co contorno, a recuperación da identidade e o orgullo de vivir nunha terra ben coidada. Neste senso, destacou que as axudas promovidas pola Xunta permiten ás persoas particulares e aos concellos de menos de 20.000 habitantes acometer melloras na imaxe exterior de vivendas e espazos públicos, cunha visión que vai máis alá do estético e que aposta pola cohesión territorial, a calidade de vida e o respecto á paisaxe como valores compartidos. Unhas axudas que, en palabras do presidente, “acabáronse en minutos, o que quere dicir que son unhas axudas ben deseñadas, que son unha necesidade e que temos que seguir por alí”.

Desde a súa posta en marcha, estas axudas permitiron mobilizar preto de 11,6 millóns de euros para a realización de case 2.900 actuacións en 295 concellos galegos, que supón o 94% do total da Comunidade. O titular do Executivo autonómico puxo como exemplo o concello de Lobios, que nas cinco convocatorias realizadas até o momento foi a localidade galega que máis financiamento recibiu para actuacións de particulares e do propio Goberno municipal, con máis de 337.000 euros concedidos para 111 intervencións: “Este é o lugar de Galicia onde se concentran máis axudas das que a Xunta convoca para, pouco a pouco, ir conseguindo transformacións como as que estamos vendo aquí”, salientou. 

No caso concreto da aldea de Puxedo, executáronse ou están en execución 68 actuacións cun investimento total que rolda os 200.000 euros, o que supón unha transformación paisaxística significativa, na que a implicación veciñal foi clave. Desde melloras en fachadas e cubertas ata a recuperación de muros tradicionais, o presidente destacou que detrás destas cifras hai unha cidadanía comprometida coa calidade estética e ambiental do seu entorno. 

Na convocatoria deste ano, dotada con 2 millóns de euros, a Xunta concedeu axudas a case 350 particulares e 55 concellos, o que permitirá mobilizar un total de 2,9 millóns de euros para a execución de 430 novas actuacións. A elevada demanda rexistrada (cun esgotamento do crédito en apenas 20 minutos para particulares e seis no caso dos concellos) confirma o éxito desta liña de apoio e a súa grande acollida social. 

O titular do Goberno galego incidiu en que o fermosismo é unha das políticas públicas máis valoradas pola cidadanía, xa que supón unha forma de dignificar o territorio, reforzar o sentimento de pertenza e crear unha nova cultura de respecto e coidado da paisaxe. Neste senso, Rueda destacou que “o mérito enorme o teñen todos os veciños, que creen que pode crearse riqueza aquí”. Segundo indicou, esta visión contribúe a proxectar unha Galicia atractiva, sustentable e coherente co seu valor como destino de calidade e lugar para vivir.

Comparte éste artículo
No hay comentarios