O deputado do BNG, Oscar Insua, acusa á conselleira “de vir a comarca a vender un proxecto tarde, mal e a rastro con toda a tropa de cargos do Partido Popular, para intentar lavar a imaxe política de todos eles, e dos seus silencios cómplices durante estes anos na Costa da Morte”.
a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; deputados do PP do parlamento galego;e concelleiros do PP na comarca, fixeron un acto político para anunciar o que para o BNG da Costa da Morte “xa debera estar rematado hai anos na nosa comarca: as obras da autovía á Coruña; un anuncio de futuribles, porque nin teñen o proxecto aprobado definitivamente, nin licitaron as obras, nin teñen asignados os fondos necesarios no orzamento para comezar as obras da NON AUTOVÍA”.
Os nacionalistas sinalaron que a conselleira “non tivo a ousadía de dicir con claridade o que xa todos sabemos, que non van a rematar a autovía como tal, senón que van a facer un corredor de un só carril por sentido”, e reprocharon aospopulares que “utilizan frases como ‘prolongación da autovía’cando non van facer unha autovía, e queren seguir enganando aos veciños e veciñas da comarca cando afirman que seguen aumentando o número de quilómetros de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, cando un corredor non é unha vía de alta capacidade”.
A formación nacionalista subliñou que “sería bo que a consellería nos informara que van facer cos 8 millóns de euros orzamentados que non van executar este ano nesta infraestrutura, e se a licitación do proxecto vai a supoñer unha peaxe encuberta como o tramo de Salto a Carballo”.
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, declarou “que o Partido Popular non ten vergoña, xa o sabíamos, pero que se atrevan a vir a vender o que nin sequera é unha autovía, cos deberes sen facer e dez anos despois de cando dixeron que ía estar rematada; é unha indecencia”.
O político corcubionés proseguiu afirmando que “é unha indignidade a utilización das institucións, como a Xunta, que representa a todos e todas, para facer propaganda encuberta do Partido Popular; o normal é que a Xunta convidase aos cargos institucionais da comarca, non só a tropa das súas filas, e menos cando permaneceron calados todos estes anos ante a discriminación dos seus dirixentes na Costa da Morte”.
Por último, Insua manifestou que “teñen que poñerse xa co proxecto do tramo ata Berdoias, desdobrando en autovía, porque van converter o cruce do centro de Vimianzo nun auténtico funil caótico; e o mesmo co traxecto de remate en Cee e a variante do polígono de Cee ao porto de Brens. Ao PP prometer dáselles ben, cumprir non tanto, e iso que son as súas propias promesas”.