BNG exixe ao Goberno protexer os dereitos das persoas usuarias de compañías aéreas en materia de indemnizacións

Ante o medre das queixas e demandas ante consumo, Néstor Rego demanda actuacións contundentes por parte do executivo para frear as políticas abusivas e os incumprimentos das compañías aéreas

 O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no (Congreso) iniciativas dirixidas ao Goberno co obxectivo de exixir actuacións contundentes para garantir os dereitos das persoas usuarias de compañías aéreas, fronte ás reiteradas queixas por prácticas abusivas e incumprimentos das obrigas legais por parte da maioría destas empresas.

O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que «as persoas usuarias son obrigadas a recorrer á vía xudicial para conseguir as indemnizacións que lles corresponden por cancelacións ou atrasos de voos, ante a negativa sistemática das compañías a cumprir coa normativa europea vixente».

O nacionalista explica que a falta de resposta dos servizos de atención ao cliente, as restricións abusivas sobre a equipaxe e o incumprimento do Regulamento (CE) nº 261/2004, que estabelece claramente os dereitos da pasaxe, son algunhas das principais queixas presentadas polas persoas afectadas ante organismos como Consumo ou mesmo a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

«Algunhas das compañías non só ignoran as reclamacións extraxudiciais, senón que mesmo cando se dita unha sentenza favorable, obrigan ás persoas afectadas a solicitar a execución xudicial para cobrar o que lles corresponde. É unha estratexia deliberada para disuadir a clientela de exercer os seus dereitos» advirte Rego.

O BNG alerta tamén da indefensión en que se atopan as persoas consumidoras, que non poden contactar con persoal responsábel das compañías e son atendidas, nos aeroportos, por empresas subcontratadas sen capacidade para resolver os problemas expostos. «É urxente que o Goberno actúe para pór fin a estas prácticas e garantir unha atención eficaz e de calidade» subliña o deputado.

Entre as demandas da organización nacionalista, Rego destaca a necesidade de que o Goberno abra investigacións ou inspeccións ás compañías aéreas, así como adoptar as necesarias medidas que permitan garantir o cumprimento da legalidade e evitar que as persoas consumidoras se vexan obrigadas a litigar para recibir as compensacións que lles corresponden por dereito.

«Non é admisíbel que os dereitos da clientela se vulneren de forma sistemática e impunemente. O Goberno debe actuar con firmeza para protexer ás persoas usuarias fronte aos abusos das compañías aéreas» conclúe Néstor Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios