O PP lamenta que socialistas e nacionalistas rexeitasen todas as iniciativas que presentamos no pleno e que recollían demandas e compromisos concretos de barrios como Castiñeiro, Galegos ou As Saamasas. “Mentres o alcalde presume dunha economía brillante, o certo é que co seu voto e coas súas decisións queda claro que unha parte da cidade queda no esquecemento”, sinalou.
Desde o PP subliñan que todo é unha cuestión de prioridades salientando que “mentres o goberno local continúa gastando recursos en proxectos como o coliving, o edificio Impulso Verde, o carril bici ou as caldas —que non aportan valor engadido real á cidadanía—, quedan sen atender as necesidades básicas que afectan á seguridade, estética e fundamentalmente á igualdade entre barrios”.
PSOE e BNG tamén votan en contra de condenar a corrupción e pedir mellores infraestruturas
Os populares amosaron tamén sorpresa pola negativa do goberno local a apoiar unha iniciativa do PP en defensa do Estado de Dereito e de condena da corrupción que afecta á contorna do presidente do Goberno de España.
Nesta mesma liña, tamén é chamativo que rexeitasen a proposta para esixir ao Goberno de España unha conexión ferroviaria digna para Lugo, en igualdade de condicións co resto das capitais da contorna. Os populares afearon a actitude dos nacionalistas que votaron en contra desta iniciativa “queren dar leccións de coherencia e firmeza, pero rebaixan o grao de esixencia cando se trata do seu socio de goberno”
“Lugo non pode seguir sendo tratada como unha provincia de segunda. A discriminación que sufrimos no ámbito ferroviario é inaceptable e quen cala ou vota en contra, avala este abandono”.
Outras iniciativas rexeitadas polo PSOE e BNG
Plan de mantemento e mellora dos parques infantís:
O contrato está caducado desde decembro de 2022 e hai xogos deteriorados sen substituír: “Non se trata só de inaugurar parques, senón de planificar o seu mantemento. É unha mágoa que intenten minimizar un problema que afecta directamente aos máis pequenos”.
Actuación nos centros sociais, que presentan filtracións, climatización avariada e escaleiras de emerxencia inutilizadas. “Coñecen perfectamente o estado destes centros, pero non asumen responsabilidades. Para o PP, estes espazos non son un gasto, senón un investimento no benestar das persoas maiores e do tecido veciñal”.