O Cemiterio Municipal non realizará enterramentos entre as 13 e as 17h, mentres que a Brigada Municipal de Vías e Obras adaptará o seu horario de traballo e a ubicación das intervencións a realizar buscando sempre o benestar do persoal público
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou á entrada do pleno de xuño unha serie de medidas que se poñerán en marcha de xeito inmediato par «evitar problemas de saúde no persoal municipal derivados das altas temperaturas, unha problemática cada vez máis presente durante os meses de verán»
Arroxo anunciou que o Cemiterio Municipal non realizará enterramentos entre as 13:00 e as 17:00 horas, coincidindo coas horas de maior calor, co fin de minimizar a exposición do persoal municipal e das persoas usuarias aos riscos asociados ás altas temperaturas. Por outra banda, a Brigada Municipal de Vías e Obras tamén adaptará o seu horario de traballo e a localización das súas intervencións, priorizando sempre o benestar e a seguridade do persoal público.
Arroxo afirmou que «cada ano vemos como en distintas zonas do estado a calor produce problemas serios de saúde a persoal que realiza o seu traballo nas rúas», e engadiu «. Desde a Tenencia de Alcaldía buscamos benestar do persoal público nas datas de máis calor».
Na rede de Escolas Infantís Municipais, o Tenente Alcalde anunciou a instalación de vinilos anticalor, que evitan a entrada dos raios solares para conseguir que no interior non se acumule calor. Rubén Arroxo explicou que esta medida se toma seguindo «as indicacións da lexislación para instalacións deste estilo, buscando tamén o benestar das nenas e nenos».
Arroxo lembrou que estas accións forman parte do compromiso da Tenencia de Alcaldía coa saúde laboral e a prevención de riscos, e que se seguirán avaliando novas medidas segundo evolucione a situación meteorolóxica.