O Festival Atlántica rende tributo a Castelao en Santiago

O Festival Atlántica continúa este martes, 1 de xullo, en Santiago cunha xornada que une memoria, participación e reivindicación colectiva. Durante o día, a palabra de Castelao ocupará o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres; pola noite, Bouba Pandeireteiras elevarán a súa voz en forma de canto e resistencia desde os xardíns do CSC Maruxa e Coralia.

O acto inaugural da lectura pública Como dicía Castelao contará representantes institucionais, entidades culturais e artistas que se suman a esta homenaxe coral á figura do rianxeiro. A sesión comezará ás 11:30 h no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres coa intervención de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; e Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da Diocese de Santiago.

A continuación, iniciarase unha maratón de lectura que se estenderá ata as 20:30 h, coa participación activa de cidadáns e representantes de institucións clave da vida cultural galega, como a Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Teatro, a Real Academia Galega de Belas Artes, así como representantes da Alcaldía de Rianxo e dos consulados de Arxentina e Uruguai, dous países estreitamente vencellados á biografía do autor.

A palabra de Castelao tamén será interpretada por recoñecidas voces da escena e da música galega como Faia Díaz, Avelino González, Mónica Caamaño, Vero Rilo, Soledad Felloza, Evaristo Calvo ou Víctor Mosqueira, Ángeles, entre outros nomes que poñerán corpo e emoción aos seus textos máis emblemáticos.

O acto está aberto ao público e constitúe unha oportunidade única para escoitar, sentir e compartir o pensamento vivo de Castelao, traído ao presente por unha ampla representación da Galicia plural e creativa. Aínda que xa non quedan prazas para ler, calquera persoa pode asistir libremente, incorporarse en calquera momento e quedar o tempo que desexe, nun ambiente de escoita activa e compartida. Ademais, a organización de Atlántica tamén fixo un chamamento para outra modalidade de participación: os «garda-escoita», unha rede de persoas voluntarias que garantirán a presenza de público constante durante toda a lectura.

Bouba: raíz feminista e rural

Ás 21:00 horas, nos xardíns do CSC Maruxa e Coralia, será a quenda do concerto Termando dos marcos, o novo proxecto de Bouba Pandeireteiras, un grupo que interpreta a música tradicional desde a súa raíz feminista e rural. Tras o éxito de Vinculeiras, Bouba presenta unha proposta máis íntima, nacida «a lume lento» e dende as marxes, onde se reivindica a aldea como cerna de resistencia e futuro. Con pandeiretas, voces afiadas e moita retranca, Termando dos marcos é un canto ao territorio, á memoria e á dignidade comunitaria. «Os marcos somos nós», proclaman, e con esa forza enchen o escenario de identidade, música e palabra.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

Comparte éste artículo
No hay comentarios