O pregón de Guido Guía na XLV Romaxe de Penas de Rodas (texto completo)

Onte o turismólogo e guía turístico Guido Guía (Guido Álvarez Parga) foi o pregoeiro da XLV Romaxe de Penas de Rodas, en Outeiro de Rei. Compartimos o texto completo:

O PREGÓN DE GUIDO GUÍA, AO COMPLETO:

Bos días, amigos e amigas, que ledicia estar aquí con todos e todas vós, neste primeiro pregón da miña vida. Síntome tremendamente honrado, e moi emocionado dende que hai dous meses me dixeron, dende a Asociación Cultural de Penas de Rodas, que este ano querían que eu estivese aquí, hoxe, abrindo e inaugurando nada menos que a XLV Romaxe de Penas de Rodas.

Aproveito para darlle, para darvos, novamente, as grazas por este agasallo da vida tan fermoso.

Que o primeiro pregón da miña vida sexa neste lugar tan fascinante e simbólico é algo que me parece máxico… destas cousas que un sinte que nin soñándoas antes podían ser tan perfectas. Estas rochas abraiantes son unha viaxe pola historia, pola natureza, polas lendas, pola fantasía, pola imaxinación… por tantos terreos que me encantan. Insisto, que o primeiro pregón da miña vida sexa aquí paréceme un deses grandes azares da existencia.

A todo isto mencionado, que xa é moito, súmaselle ademais outra circunstancia importantísima… por estas terras, polo concello de Outeiro de Rei, están cando menos un cuarto das miñas raíces. Falan dos oito apelidos vascos, dos oito apelidos cataláns… e por aquí están dous dos meus varios apelidos galegos: Parga e Lombao, os do meu avó materno Manuel, nacido en Robra, o que logo rexentaría o Café-Bar Europa (actual Kennedy) da Porta de San Fernando coa miña avoa María, focega.

Nese cuarto das miñas raíces hai moitos lugares especiais para min, diría que como mínimo dende a propia localidade de Parga ata xustamente a Porta de San Fernando, en Lugo. Unha liña imaxinaria que atravesa gran parte da Terra Chá, unha das comarcas galegas que sen dúbida sinto máis parte da miña identidade, e que ademais me emociona polas súas paisaxes e pola súa riqueza natural e patrimonial, non por casualidade fonte de inspiración para tantas e tantos poetas, escritores e escritoras.

Moi preto de aquí non só está o lugar onde naceu o meu avó. Tamén está a casa dos meus curmáns Luís e Nicolás, en Cabanas, a que de neno consideraba “a miña aldea” a falta de ter eu a miña propia. Os meus catro avós eran da provincia de Lugo (Foz, Outeiro de Rei, Ribadeo e Baleira) pero todos eles migraron: dous a Lugo e dous a Bos Aires. Por iso Cabanas foi para min outro lugar máxico, como as Penas de Rodas, do meu percorrido vital.

Outro lugar así foi a casa dos meus outros curmáns, Adrián e Brais, preto do Piago, outro sitio que é, como dixen esta semana nas redes, un dos meus paraísos escollidos. O meu lugar favorito da comarca para bañarme no río, e outro dos lugares aos que sempre intento levar a turistas e visitantes.

O Miño e o Ladra, a Ínsua de Seivane e a Ponte Colgante, a olería e o Bosque Máxico de Bonxe, Santa Isabel, a Casa-Museo Manuel María, a cestería de Idoia Cuesta, Silvarrei, a ruta polas Ínsuas de Rábade… son moitos os lugares próximos que están no meu corazón.

Pero hoxe o centro do universo está nas Penas de Rodas e por suposto quero dedicarlles un especial aloumiño de agradecemento por deixarme estar aquí falándovos.

Sinceramente non teño memoria de cando foi a primeira vez que estiven aquí. O único que sei é que foi hai moito, moito, moito tempo… e que aquí estiven milleiros de veces, especialmente nestes dez anos do meu regreso a Lugo, agora que teño coche e que me desprazo con máis liberdade aos lugares que me gustan.

Si podo imaxinar que a primeira vez que estiven aquí foi seguro coa miña nai, outra namorada de Outeiro de Rei coma min. Viña todas as semanas a mercarlle leituga e verduras a unha señora, unha vez ao mes a cortar o pelo (eu tamén) coa súa curmá Carmencita, a Cabanas, ás casas de distintos parentes da zona… e nesas viaxes foi como eu comecei a descubrir lugares incribles como este no que estamos.

Quen trouxo aquí estas rochas? Foron humanos? Foron animais? Foi a natureza? O feito de que a disposición das penas teña relación con eventos astronómicos como os solsticios a min faime intuír que pode ser a primeira das opcións, sen descartar as outras. Logo está o porqué. Por que? Fálase da procura de achegarse máis ao ceo, do valor sagrado vencellado a culturas prehistóricas que rendían culto ao sol, á natureza e aos ciclos agrícolas, de simbolismos relacionados coa fertilidade, a terra, o cosmos… moi máxico, non?

En todo caso, con seguridade, estamos falando de lonxevidade, de antigüidade, de historia… de moita historia. E ese é un inmenso valor que teñen as Penas de Rodas. O valor de transportarnos no tempo, de facernos fantasiar e trazar infinitos camiños dende o pasado ata o presente. Algo no que os galegos, pobo moi antigo, somos ben expertos.

Que marabilla estar aquí festexando, polo tanto, a nosa historia, a antiga e tamén a contemporánea… corenta e cinco aniños cumpre a Romaxe, que comezou no ano 1980, corenta cumpro eu en setembro… podería dicirse que somos dun tempo, non?

Creo que todos e todas debemos darlle as grazas aos organizadores e organizadoras desta gran festa recuperadora da memoria colectiva, defensora da nosa identidade, da nosa natureza, da nosa historia, do noso patrimonio, da nosa cultura, do noso xeito de vivir e divertirnos…

Levo xa vinte e un anos no mundo do Turismo, dos cales catro vivín en varios países do estranxeiro e os outros dezasete en Galicia. Xa dende antes de comezar este periplo tiña moitos convencementos sobre o valor da nosa terra e da nosa cultura, pero este tempo axudoume a consolidalos e fortalecelos ao ir sumando experiencias e vivencias. Temos un territorio inmensamente rico en patrimonio histórico, natural, gastronómico, cultural… e as nosas festas e celebracións son unha gran salvagarda para moitos deles, e tamén un patrimonio de por si.

Festas como a Romaxe fan identidade, fan pobo, tenden pontes, tecen rede e fannos máis ricos. Grazas por facerme hoxe parte da gran historia desta celebración e deste lugar ancestral que nos conecta co máis profundo do noso ser e da nosa existencia. Desfrutade a pleno deste gran día, e, como se di sempre, de hoxe un ano… VIVA A ROMAXE DE PENAS DE RODAS!

Comparte éste artículo
No hay comentarios