Ana Miranda traslada á Comisión Europea a indefensión do sector mexilloeiro de Galiza  

A eurodeputada do BNG defende que a UE protexa un produto de alta calidade como o mexillón galego

 A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro con representantes de OPMEGA (Organización de Produtores de Mexillón de Galiza), na que lle trasladaron o problema no que se atopan actualmente, que é a situación de indefensión que atravesa o sector mexilloeiro en Galiza, que inclúe 3.337 bateas en cinco rías e conta con 12.000 traballadores e traballadoras, cunha produción de 160 millóns de euros de beneficios.

“Galiza foi sacrificada pola Unión Europea, polo Estado e pola Xunta de Galiza, deixando o sector do mexillón abandonado fronte a competencia do mexillón chileno que está entrando sen aranceis dentro do marco de acordo Unión Europea-Chile, e sen que ninguén se movera para denunciar esta situación e sen que ningunha das administracións puxera sobre a mesa que Galiza é a principal produtora de Europa”, salienta a eurodeputada galega.

Así, no encontro, os representantes de OPMEGA explicaron que a venda do mexillón galego está sendo moi afectada pola competencia desleal co acordo con Chile, xa que as importacións están libres de aranceis de forma que se favorece a importación de mexillón de Chile sen que Europa protexa o seu produto, neste caso o mexillón de Galiza, onde, segundo destacaron, está a maior capacidade de produción de toda Europa.

Altamente dependentes da pesca

Un exemplo claro desta grave situación é que desde o ano 2006 até o 2024 en OPMEGA pasaron de vender 100.000 toneladas de mexillóns a 50.000, o cal afecta notablemente ao emprego. “Temos que protexer o noso produto, é un produto galego, é un produto europeo de calidade que ten moitos beneficios para a saúde e do que viven moitas vilas altamente dependentes da pesca e do sector conserveiro”, subliña Ana Miranda.

“Se deixamos que sexa sacrificada a industria mexilloeira estaremos perdendo un medio de vida en moitas vilas galegas polo que instamos que se busque algunha solución para o sector mexilloeiro galego”, alerta a eurodeputada do BNG, quen anunciou a presentación de diversas iniciativas nas institucións europeas na defensa do sector.

Comparte éste artículo
No hay comentarios