O espazo marítimo e enerxías renovables; a competitividade portuaria ou a descarbonización do transporte marítimo, eixos do IV Anuario de Estudos Marítimos da UDC

A obra consolídase como referente interdisciplinar na análise dos retos actuais do ámbito marítimo.

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a presentación do cuarto volume do Anuario de Estudos Marítimos, unha publicación promovida polo Instituto Universitario de Estudos Marítimos da UDC que se consolida como obra de referencia no estudo interdisciplinar e integrador da realidade marítima actual.

O acto contou coa participación do reitor da UDC, Ricardo Cao; da directora do Instituto Universitario de Estudos Marítimos, Isabel Novo Corti; e da codirectora da publicación, María José Rodríguez Docampo.

Este novo volume recolle unha selección de estudos e reflexións centradas na sustentabilidade e na economía azul, abordadas desde tres ámbitos: Dereito,  Economía e Náutica. O obxectivo é ofrecer unha visión completa dos desafíos que afronta o sector marítimo, así como contribuír ao deseño de propostas innovadoras para o seu desenvolvemento sostible.

Así, o anuario analiza temas de grande actualidade, como a ocupación doespazo marítimo por parte das enerxías renovables ou a limitación de responsabilidade na navegación de recreo desde a perspectiva do Dereito. No bloque de Economía, debúllanse temáticas como o impacto da intelixencia artificial e o blockchain no emprego marítimo, a competitividade dos portosgalegos e a eficiencia técnica dos principais portos de España.

Por último, no eido da Náutica analízanse as propostas de reorganización institucional do Estado no mar, o papel do gas licuado e do hidróxeno na descarbonización ou a gobernanza pesqueira no Atlántico Sur Occidental.

Aportacións que proceden de especialistas de nove universidades e centros de excelencia internacional, nunha edición na que se reafirma o seu compromiso cos valores de sustentabilidade, o desenvolvemento azul e a transformación dixital do sector marítimo. 

Na súa intervención, María José Rodríguez, profesora da UDC e codirectora do anuario, destacou o impacto desta apertura internacional, xa que “non só temos incrementado a diversidade xeográfica e temática, senón que elevamos o rigor académico e incorporamos valiosas visións comparadas, especialmente en temas como gobernanza marítima, sustentabilidade e dixitalización do sector”.

Pola súa banda, o reitor destacou o traballo realizado que, segundo subliñou, “trata unha temática de grande impacto no noso día a día, especialmente en momentos de incerteza xeopolítica internacional como a que estamos a vivir nestes últimos anos, que xeran preocupación e impacto na economía global e local”. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios